CIG e Fiscalía piden a nulidade do despedimento do candidato da central en REFESA por vulneración dos seus dereitos fundamentais
Coincidindo coa celebración do xuízo, que quedou visto para sentenza, a CIG desenvolveu unha concentración en solidariedade co compañeiro despedido e para denunciar a represión practicada por REFESA (compañía que se encarga, entre outros servizos, de remolcar os gaseiros que entran en Reganosa).
Xesús López Pintos, voceiro comarcal da CIG de Ferrol, explicaba que, durante o xuízo, os seis traballadores que acudiron como testemuñas, confirmaron que catro días antes de producirse o despedimento, a asemblea de persoal acordaba apoiar unha candidatura da central nacionalista encabezada por este compañeiro.
Esta era a primeira vez na que a CIG conseguía montar candidatura en REFESA, onde até agora a representación social recaía na UGT.
Dous días despois da asemblea, a central presentaba o preaviso de eleccións e comunicaba os membros integrantes da candidatura. A resposta da empresa non se fixo agardar e só tardou uns días en remitir carta de despedimento ao candidato, alegando “motivos absolutamente inconsistentes e mesmo referíndose a situacións que ocorreran había un ano”.
Durante o xuízo, engadía Pintos, a Fiscalía compartiu o posicionamento do avogado da central, ao considerar que estamos ante un despedimento nulo, xa que se vulneraron os dereitos fundamentais do traballador, e que os argumentos da empresa para xustificar a rescisión do contrato son unha tapadeira para ocultar o seu verdadeiro obxectivo: impedir que a CIG conseguira a representación sindical.
Unhas manobras que, despois de todo, resultaron pouco afortunadas para a compañía xa que, por laudo arbitral, o traballador despedido tivo que ser incluído no censo das eleccións celebradas o 1 de abril, sendo elixido delegado polos seus compañeiros.
Á espera agora do que dite a xuíza, dende a CIG reitérase que non se vai consentir a utilización do despedimento “como medida de presión para someter os compañeiros desta empresa, e que tomaremos as medidas oportunas para mudar esta situación”.