CIG e ELA continuarán coas protestas para exixir a recuperación de dereitos laborais e sociais
Unha representación da Executiva Confederal da CIG, encabezada polo secretario xeral, Suso Seixo, reuniuse este xoves na sede da central sindical en Compostela cunha delegación de ELA, encabezada polo seu secretario xeral, Adolfo Muñoz “Txiki”, para analizar a situación sociolaboral de Euskadi e Galiza e as consecuencias das reformas, nomeadamente a da negociación colectiva. Ambas as centrais sindicais comprometéronse a continuar coas mobilizacións para exixir a recuperación de dereitos laborais e sociais.
Segundo explicou ao remate do encontro o secretario xeral da CIG, concordaron en que a realidade sociolaboral é en moitos aspectos coincidente en Galiza e en Euskadi no referido á precarización do mercado laboral, incremento da temporalidade, na cuestión da rotación ou no aumento das desigualdades sociais.
Porén, no relativo a desemprego é peor en Galiza, onde a taxa de paro está por enriba do 17%, mentres que en Euskadi está en torno a un 12%. “Concluímos que a nosa situación é peor, sobre todo polo que supón de perda de poboación activa entre os menores de 35 anos, que marcharon moitos deles á emigración, o que ten consecuencias en termos sociais, económicos e mesmo de avellentamento de poboación. Unha situación que non se vive igual no País Vasco”.
Negociación colectiva
Seixo sinalou tamén as coincidencias na avaliación das consecuencias que están a ter as reformas, pero sobre todo a da negociación colectiva, polas dificultades evidentes para negociar os convenios colectivos tanto nunha nación como noutra. “Alí seguen unha dinámica diferente á nosa porque se están incrementando de forma significativa os convenios de empresa, que ELA está a promover diante da dificultade para negociar convenios de sector. É verdade que en Galiza tamén se deu esa situación pero en bastante menor medida”.
Con todo, o secretario xeral da CIG salientou o acordo asinado en Euskadi, hai uns meses, entre a patronal e as centrais sindicais, polo que se garante que os convenios que se negocien en Euskadi, sexan de empresa, provinciais ou autonómicos sempre van ter prevalencia sobre os convenios estatais. “É unha maneira de reforzar o Marco propio de Relacións Laborais e de negociación, algo que a CIG leva tempo reclamando”.
Diante disto, Seixo anunciou que a CIG promoverá unha iniciativa semellante a través do Consello galego de Relacións Laborais, porque “se os sindicatos estatais viron positivo un acordo destas características para Euskadi o normal sería que se sumaran a reivindicalo aquí e que a patronal galega tamén o vexa positivo”.
A este respecto, Seixo lembrou que nunha recente xuntanza co actual presidente da CEG “este manifestouse favorábel a camiñar nesa liña”.
Maioría sindical nacionalista: a CIG a piques de ser a primeira forza
Na xuntanza tamén se abordou a situación no relativo á correlación de forzas a nivel sindical. A este respecto Seixo explicou que en Euskadi o sindicalismo nacionalista é moi maioritario, cunha representación do 60% e moi por riba do sindicalismo español a nivel de afiliación.
Sobre esta cuestión o secretario xeral da CIG avanzou que en Galiza tamén se está producindo un cambio no que se refire a representatividade. “Dos resultados da CIG, tanto no 2015, como no 2016, tírase que quedamos xa como primeira forza e no dato global, no período dos catro anos, estamos a piques de ser xa a primeira, cunha diferenza de 20 delegados respecto da primeira forza”.
Polo que respecta á afiliación, Seixo sinalou que hoxe a CIG xa é o sindicato que conta con máis afiliación en Galiza, con máis de 65.000 afiliados/as, fronte as/os 42.000 que teñen cada un dos outros, CCOO e UGT.
Conflitividade laboral
A representación de ambas as centrais sindicais tamén coincidiu en valorar as dinámicas de conflitividade laboral, que tanto en Euskadi como en Galiza está canalizada ou dirixida polo sindicalismo nacionalista.
Avaliouse tamén a nova situación política a nivel de estado, coa perda de maioría absoluta do PP. Coincidiuse en que crea un escenario novo, no sentido de que en teoría sería factíbel promover proxectos de lei que fosen no camiño de tirar abaixo as contrarreformas laborais dos últimos anos e ir cara unha mellora significativa dos dereitos da clase traballadora.
Tamén coincidiron en valorar que “isto está un pouco en suspense, dependendo de cal vai ser a actitude do PSOE. Por unha banda analizamos as alianzas que se están dando en diversas materias co PP a nivel de estado e, pola outra, lembramos que o propio PSOE, foi quen iniciou o camiño das reformas laborais. Por iso, non nos ofrece nin a eles nin a nós moitas esperanzas de que no ámbito do parlamento español se poidan dar cambios significativos en materia de dereitos laborais, de negociación colectiva, ou mesmo de liberdades públicas”.
Compromiso de mobilizarse para recuperar dereitos
ELA e CIG comprometéronse tamén a seguir coa mobilización social para exixir a recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos como consecuencia das contrarreformas dos últimos anos.
Tamén fixeron unha posta en común respecto das liñas xerais nas que se basearán os debates dos congresos previstos por ambas as organizacións sindicais, que no caso de ELA está convocado para mediados de xuño, e no caso da CIG, para finais de maio.
Reforzar a organización para reforzar a capacidade reivindicativa
CIG e ELA incidiron na importancia de pór en valor o modelo sindical de contrapoder, antipacto social e mobilizador que representan. “En coherencia con iso coincidimos en que é esencial seguir fortalecendo os nosos sindicatos como mellor ferramenta da clase traballadora para defenderse destas políticas de recortes de dereitos e para conseguir mellorar as condicións laborais e sociais”.