CIG e CIC reclaman, diante da situación de emerxencia, unha actualización salarial do persoal das Caixas
CIC e CIG, sindicatos que forman parte da Mesa Negociadora do Convenio Colectivo, demandaron, ao longo da negociación do convenio colectivo, que se incluíse unha cláusula de revisión salarial. Porén, as súas sensatas propostas non foron apoiadas polo resto de sindicatos nin por CECA.
Os salarios do persoal das Caixas están conxelados dende o 2017. O IPC do ano 2021 pechou cunha inflación do 6,70% e a previsión de FUNCAS para o 2022 é do 6,8% pero pode verse mesmo superada como consecuencia da guerra e das tensións polo prezo da enerxía.
A este recorte dos seus salarios súmase a non actualización da quilometraxe ou o non pagamento de outros complementos.
A perda salarial actual era para a CIG e CIC previsible, “simplemente a Patronal CECA (Confederación Española de Caixas de Aforro) negouse a asumir o compromiso de actualizar os salarios co IPC. E CCOO, UGT e FINE, conscientemente, decidiron non reivindicala e asinar o que lles puxo sobre a mesa a Patronal”.
Segundo explican, a Patronal argumentaba que as entidades atravesaban unha situación difícil. “Nada máis afastado da realidade”, afirman, “os bancos teñen beneficios multimillonarios; como multimillonarios son os “bonus” que cobran as Direccións que seguiron crecendo; e, por se fose pouco, a cláusula de emprego do Convenio demostrouse unha vez máis que é falsa, seguiron destruíndo milleiros e milleiros de postos de traballo pese ao recorte salarial”.
Por iso, CIC e CIG defenderon os salarios durante a negociación e “seguímolo facendo agora”. De feito teñen solicitado á patronal CECA a actualización co IPC de 2021 e unha entrega a conta da do 2022. “O esforzo que se nos reclama dende as institucións para asumir as consecuencias da Guerra debe ser compartido, polos cadros de persoal, pero tamén polo accionariado e as altas direccións”.