CIG e BNG rexeitan a recentralización e privatización do servizo público de emprego
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o secretario confederal de emprego, Francisco González Sío e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentaron esta mañá, en rolda de prensa, as emendas á Lei de Emprego tramitadas pola formación nacionalista a proposta da central sindical. Emendas coas que se pretende reconducir un texto que favorece a privatización do servizo público de emprego e frear o proceso de recentralización que promove vulnerando as competencias de Galiza na materia.
A este respecto Carril denunciou que a lei de emprego nace da obriga do Estado español de dar cumprimento ás exixencias da UE para a recepción dos fondos europeos e “non da necesidade de dotar dun marco estratéxico que corrixa as disfuncións e a ineficacia do seu sistema económico e laboral”.
Criticou que “nin se dá resposta aos problemas de emprego no Estado español, nin se resolven os problemas de ineficacia das políticas activas de emprego actuais, nin prepara as políticas de emprego para os novos retos do mercado de traballo”, e menos nun contexto de “profunda crise e carestía da vida”.
Cuestionou ademais que se fixera a través dun trámite de urxencia, “con escasa ou nula participación institucional dos axentes sociais e das comunidades autónomas” e que non se aborden as dificultades para a creación e mantemento do emprego nin se reforme o sistema de protección por desemprego.
Profundamente centralista
Tanto o deputado nacionalista, Néstor Rego, como o secretario xeral da CIG rexeitaron o carácter centralizador desta reforma. “Disfrazando os cambios que se introducen no sistema, a nova Lei de Emprego nace cun espírito absolutamente centralizador que ‘ningunea’ o marco competencial das comunidades autónomas, converténdoas en simples sucursais da nova Axencia Estatal de Emprego, sen ter en conta as súas competencias en materia laboral e de emprego”, denunciou Carril.
Así subliñou que “os servizos públicos de emprego pasan a regularse por un marco vinculante, de obrigado cumprimento, con contidos comúns, eliminando calquera atención á especificidade e diversidade territorial” e que a “gobernanza” do sistema avanza tamén na centralización “na composición e na confirmación dos órganos de goberno do sistema”.
A este respecto, rexeitou a redución de postos para a representación sindical, que “non fan máis que diminuír a capacidade efectiva de participación nos mesmos”, nomeadamente no caso da CIG, e que “non terán papel ningún na participación institucional nin os axentes sociais, nin as comunidades autónomas na elaboración dos instrumentos de planificación e coordinación da política de emprego”.
Canda isto denunciou que se exixa ás organizacións sindicais a súa participación en máis dunha comunidade autónoma para determinadas políticas activas. Lembrou que, na actualidade, no Estado español son 4 os sindicatos que gozan da condición de máis representativos, segundo a Lei Orgánica de Liberdade Sindical: CIG, ELA, CCOO e UGT “e os catro temos, por imperativo legal, mesmo constitucional, dereitos en igualdade de condicións”.
Na mesma liña Néstor Rego, que cualificou a reforma como “regresiva”, cuestionou que un goberno “que se presenta como o máis progresista da historia” presente unha norma legal que “en vez de permitir avanzar nas políticas activas de emprego ou nunha maior aínda descentralización o que fai é un movemento claramente regresivo, nunha perspectiva nacional, vulnerando as competencias das comunidades autónomas” na materia.
Carácter privatizador
O deputado nacionalista considerou tamén privatizadora a nova Lei, na medida en que “establece como criterio fundamental a colaboración público-privada dando máis capacidade ás axencias privadas de colocación, con menos control público, e que, previsibelmente van recibir subvencións públicas”. Unha forma de “trasladar unha responsabilidade das políticas de emprego que deben ser enteiramente públicas a entidades de carácter privado” que considerou “un claro paso atrás” en relación co modelo actual.
Nese sentido o secretario xeral da CIG rexeitou a “externalización da xestión” e que ás axencias de colocación “só se lles pida unha declaración responsábel para constituírse e poder optar a subvencións públicas” para lles redirixir ás persoas demandantes de emprego.
Ademais, afondando no carácter privatizador, Carril denunciou que estas axencias de colocación “prestarán os servizos de intermediación laboral e desenvolvemento de políticas activas de emprego sen apenas control.
Formación das e dos traballadores
O secretario xeral da CIG rexeitou ademais que se aproveite o trámite desta lei para darlle “unha estocada” aos Sistema de Formación Profesional no ámbito laboral, tamén sen consulta previa nin debate cos axentes sociais e comunidades autónomas. “Entendemos que estas modificacións, dada a súa relevancia, non deberían ser introducidas na lei e, de facelo, terían que ser abordadas nos organismos de participación institucional onde estamos todas as partes representadas”.
En todo caso, apuntou como cuestións máis preocupantes que as prestacións de emprego queden relegadas a un segundo plano e que non se garanta que as persoas poidan optar a postos de traballo, a través da recolocación, que non teñan que ver co perfil profesional e formación da persoa.
Isto xunto o feito de que se deixe en mans das axencias de colocación os procesos de reinserción e recolocación das persoas afectadas por procesos de reestruturación, cando antes eran as empresas que presentaban ERE as que estaban obrigadas a presentar un plan de recolocación. Unha responsabilidade que se deriva agora no Estado, que será quen se teñan que facer cargo.