CIG e BNG apostan por recuperar a xubilación aos 65 anos e reducir o período de cálculo a 10 anos
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, compareceron esta mañá para presentar as emendas propostas pola central sindical que a formación nacionalista rexistrará para o proxecto de Lei de Reforma das Pensións. Proxecto que foi analizado na xuntanza previa á comparecencia, na que participou tamén o membro da Executiva da CIG, Paco Sío, e do que se pretenden corrixir as cuestións que impiden avanzar cara un sistema de pensións xusto e de futuro.
Paulo Carril, lembrou que a pensión media en Galiza está moi por baixo da pensión media do Estado e 84 euros por baixo do SMI; que 415.310 persoas pensionistas en Galiza teñen unha pensión inferior a 736,34 €; que a poboación con máis de 65 anos acada de media 28,9 anos cotizados, moi lonxe dos 36,9 anos necesarios para acceder á pensión máxima, e que a pensión media dunha traballadora galega aínda é 300€ inferior que a pensión media dun galego.
Por iso agradeceu á formación nacionalista que dea traslado ao Congreso das demandas da CIG diante dun Proxecto de Lei de Reforma das Pensións que cualificou non só de “lesivo”, porque non contempla medidas que poidan resolver a actual situación, senón tamén de “insuficiente”, porque tampouco “corrixe nin derroga as reformas das pensións anteriores”.
Emendas para evitar un novo recorte de dereitos
Pola súa banda Néstor Rego, que presentou as emendas, centrou en seis os elementos principais de actuación para “reverter as intencións do executivo estatal en materia de pensións” e frear unha reforma “lesiva para os intereses da clase traballadora do noso País”.
Así defendeu recuperar a idade de xubilación aos 65 anos. Advertiu que a proposta que hai detrás desta lei non é consolidar a xubilación aos 67 anos, senón fomentar a xubilación demorada para que a xente traballe máis alá, con incentivos e recursos públicos para iso, o que dificultaría máis o acceso da mocidade ao mundo laboral. Por iso avogou pola suprimir este incentivo e recuperar a xubilación anticipada sen penalizacións a partir dos 35 anos cotizados.
A través doutra emenda a formación nacionalista trasladará a necesidade de ir a un período de cómputo de 10 anos a escoller polo propio traballador ou traballadora, para o cálculo da contía da pensión. Rego lembrou que na reforma anterior pasárase dun período de 15 a 25 anos, mais advertiu que o propio Ministro xa avanzou, que a súa idea era estudar o aumento do período de cómputo até os 35 anos. “Isto suporía para moitas persoas xa sería a totalidade da súa vida laboral e suporía un novo recorte na contía das pensións”, afirmou.
O BNG defenderá tamén no Congreso que se recupere a xubilación parcial entre os 60 e os 65 anos. Unha medida que contribuiría a fomentar o emprego xuvenil.
Nas emendas demándase tamén a eliminación de toda referencia ao mecanismo de equidade interxeracional “polo efecto perverso de recorte das pensións que na práctica vai supor no caso de ser aplicado”. Un eufemismo que vén substituír o factor de sustentabilidade pero que, no fondo, “terá os mesmos efectos”, asegurou.
Outra das emendas fai fincapé en que se aumenten as pensións mínimas até equiparalas ao 60% do salario medio, como debería ser tamén o SMI. “Unha medida esencial”, dixo Rego, porque “permitirá reducir tanto a fenda de xénero, como a fenda territorial que hoxe existe”.
Derrogación das reformas das pensións e da reforma laboral
Carril desmontou a falacia de que a reforma lesiva fora a aprobada en 2013 polo executivo de Raxoi. Lembrou a aprobada polo PSOE en 2011, que levou a CIG a convocar unha folga xeral o 17 de xaneiro daquel ano, e que foi precisamente a que atrasou a idade de xubilación aos 67 anos, incrementou os anos de cálculo a 25 e suprimiu a xubilación parcial.
Manifestou a preocupación da CIG porque se faga esta reforma a través do diálogo social “anulando unha vez máis os órganos institucionais lexítima e legalmente constituídos” e como vía para impedir a participación de todos os axentes que teñen dereito a estar. Considerou que “se dá as costas a milleiros de pensionistas que reclaman pensións dignas” e denunciou que “está a servir para xustificar os incumprimentos programáticos da coalición de goberno”.
Cuestionou que se faga esta reforma para dar traslado á axenda que a UE exixe para poder acceder aos fondos europeos e, sobre todo que esta sexa a primeira reforma, porque a segunda “está por vir”.
Subliñou que estas emendas son tamén necesarias tendo en conta que o gasto medio da UE en protección social é do 27’4% do PIB mentres que no Estado español é só do 23,1% e que o gasto medio en pensións na UE está no 10,9%, mentres que no Estado español está no 9,8% do PIB. Datos que, afirmou, evidencian a “distancia enorme que hai no gasto en pensións”.
Con todo, para o secretario xeral da CIG “non é posible abordar unha reforma das pensións para crear un sistema público que garanta as pensións mínimas se non se derroga a reforma laboral” porque é fundamental a vía das persoas traballadoras cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións. E pediu que cesen de utilizar as reducións das cotizacións sociais.
Xunto a isto insistiu na necesidade de recuperar a xubilación parcial non só para “despenalizar grandes carreiras de cotización, despenalizar o dereito a ter unha vida digna” senón tamén “facer xustiza con moitas das profesións.
Neste sentido lembrou que en Galiza morren máis persoas traballadoras que na media do Estado por accidente laboral. Cuestión que alén da falta de medidas de seguridade relacionou con esas longas carreiras de cotización e con idades que non son axeitadas para determinadas profesións.
O secretario xeral da CIG concluíu avogando porque os avances tecnolóxicos sirvan para mellorar as condicións de vida das persoas e rexeitando que o incremento de esperanza de vida sexa penalizado. “Non se nos pode castigar a que cantos máis anos vivamos estamos condenados a vivir peor”.