CIG e BNG apostan por facer avanzar o dereito a decidir para mellorar as condicións laborais e sociais en Galiza
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a secretaria de Organización, Susana Méndez, o secretario confederal de Finanzas, Anxo Noceda, e o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, reuníanse esta mañá na sede do BNG cunha representación da súa executiva, encabezada pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, para coñecer a proposta política das Bases Democráticas, que parte da necesidade de que Galiza teña a capacidade para decidir sobre todas as cuestións que lle atinxen. Unha proposta que foi valorada positivamente polos representantes da central sindical.
Nese sentido, Paulo Carril considerou necesario defender propostas que, como esta, “fagan avanzar no dereito a decidir” para a mellora substancial das condicións de vida e das condicións laborais e sociais e “para termos plenas competencias en materia lexislativa para cambiar a un modelo de relacións laborais que faga posíbel vivir e traballar na nosa nación”.
Marco Galego de Relacións Laborais
Xunto a isto reclamou un Marco Galego de Relacións Laborais para decidir tamén que industria, que economía e que condicións laborais e salariais queremos. Para ilustralo puxo varios exemplos das consecuencias que ten esa falta de competencias e a falta dun marco de relacións laborais propio.
Así denunciou que estamos a piques de asistir a un “auténtico acto de renuncia”, por parte do PP, da defensa do dereito a beneficiármonos, como produtores que somos, da enerxía e que isto reverta nesa mellora das nosas condicións de vida, garanta o desenvolvemento económico e industrial de Galiza e dea solución ás grandes consumidoras, como Alcoa ou Celsa Atlantic, que cada ano se ven suxeitas a unha ameaza de peche polo sistema de interrumpiblidade.
Lembrou que esa renuncia do PP faise a pesar de apoiar, xunto co resto dos grupos parlamentarios, unha ILP promovida pola CIG que, ademais, foi avalada por máis 18.000 sinaturas, 3 deputacións e máis de 50 concellos, entre eles os de 6 das 7 grandes cidades. “Isto demostra que máis alá de que teñamos máis ou menos competencias, algúns están cómodos en que Galiza e as traballadoras e traballadores galegos non poidamos dar un paso adiante para beneficiármonos dos nosos recursos”.
Outro dos exemplos que puxo foi o da loita das traballadoras de Bershka que se mobilizaron na provincia de Pontevedra e conseguiron todas as súas reivindicacións grazas a ter un convenio colectivo provincial. “Sen a capacidade de negociar as nosas condicións laborais aquí, unha vitoria como esta sería imposíbel”.
Xunto a isto lembrou a recente folga en ‘Leche Celta’ en Pontedeume para conseguir romper o marco estatal cunha folga na que se acadaron os obxectivos.
Consecuencias da centralización
Fronte a estes exemplos colleu outro referido a unha sentenza xudicial en Galiza que tirou por terra o convenio provincial de Construción da provincia de Pontevedra asinado pola CIG, UGT, CCOO e a patronal, “como consecuencia de que a patronal de Madrid, directamente e pasando por riba da súa patronal provincial, substitúea, disólvea e comparece no xulgado para fulminalo”.
Por iso afirmou que “se tiveramos un Marco Galego de Relacións Laborais e houbera un Acordo Galego Interconfederal de Negociación Colectiva, que lle dera prevalencia aos convenios galegos fronte os convenios de Madrid, evitariamos que esa patronal madrileña viñese á provincia de Pontevedra a deixar sen efecto o convenio por entender que vai en contra do convenio xeral da Construción”.
Fóra da negociación no Popular-Santander
O secretario xeral da CIG denunciou ademais que, como consecuencia de carecer dun Marco Galego de Relacións Laborais, a representación sindical da CIG dos/as traballadores/as do Banco Santander, do Banco Popular (antigamente do Banco Pastor) dos centros de traballo da Coruña, que é unha das zonas máis afectadas do Estado español, “pode quedar excluída da negociación se efectivamente se consuma esa aplicación da reforma laboral e esa lóxica perversa de centralizar as negociacións en Madrid”.
Diante disto concluíu que se fai necesario ese Marco Galego de Relacións Laborais, “que se nos recoñeza que Galiza é unha nación, que temos dereito a existir e que temos o dereito, polo tanto, a termos competencias para mellorar as nosas condicións de vida e de traballo”.
Pola súa banda a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou que cada vez máis convenios se asinan en Madrid e considerou que “este marco de contrarreforma é un roubo de dereitos”.
Chamou a atención sobre o deterioro das condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores galegos, que segue empeorando a pesar de que desde o goberno da Xunta se repita que estamos saíndo da crise e sobre o enorme incremento das desigualdades sociais e da pobreza en Galiza.
Por iso apostou por un novo marco político que permita ter un Marco galego de Relacións Laborais e salientou que ese é un dos aspectos recollidos precisamente nas Bases Democráticas “para mudar a dinámica económica e social do noso país”.