CIG do concello de Santiago denuncia o cese da funcionaria mentres continúa o responsábel político
A sección sindical da CIG de Compostela denuncia que o alcalde de Santiago, en lugar de retirar de forma definitiva as competencias ao concelleiro Jorge Duarte, investigado pola fiscalía polos expedientes de disciplina urbanística, o que fixo foi devolverllas ao día seguinte de coñecerse o auto xudicial malia quedar “moi clara a existencia de responsabilidade política”, e cesar á funcionaria responsábel do servizo, como “chivo expiatorio”.
A sección sindical denuncia que tampouco tomou o Alcalde a decisión de deseñar unha nova estrutura organizativa para este servizo e facer as modificacións correspondentes na RPT, tal e como se comprometeu na mesa xeral de negociación e na xuntanza que tivo lugar hai xa seis meses no salón de plenos co persoal adscrito ao servizo.
“Nin unha nin outra; fronte a calquera das alternativas lóxicas polas que podería ter optado o Alcalde, o único que se lle ocurre para atallar os graves problemas de funcionamento deste departamento foi buscar un “chivo expiatorio” e cesar á funcionaria responsable do servizo”, afirma.
Considera que o feito de tentar descargar a responsabilidade dos feitos investigados pola fiscalía sobre a funcionaria, adscribíndoa á Secretaría, a un posto de traballo que non existe, sen competencias nin carga de traballo concreta e nun despacho almacén no soto 2º de Raxoi, “consigue traernos á memoria os tempos e as formas do primeiro alcalde da “era PP”, o ínclito Sr. Conde Roa, quen xa condenara anteriormente á mesma funcionaria ao “ostracismo” nas dependencias do Cersia”.
Con todo, a sección sindical da CIG do concello de Santiago non cuestiona a decisión por ilegal nin por que non sexa habitual, “pois neste Concello as xefaturas de servizo tradicionalmente noméanse e césanse libremente”. Pero non considera que sexa o máis atinado “limitarse a cortar polo lado máis flebe, mentres se mantén vixente a actual estrutura organizativa do servizo de licenzas e disciplina (que permanece inalterada dende os tempos do primeiro bipartito PSOE-BNG no Concello), ao tempo que se ratifica no cargo ao concelleiro responsable das irregularidades detectadas na tramitación dos expedientes cuestionados”.
Entende que a decisión ten “un certo arrecendo a vendeta”, e deixa en cuestión as garantías xurídicas que deben ser extensivas a todos os actores que interveñen na xestión da disciplina urbanística, e non so a parte dos interesados.
“Actitudes como esta non fan máis que poñer en evidencia a incompetencia para resolver os graves problemas de funcionamento dos servizos municipais ao tempo que denotan un talante autoritario e vingativo, de quen presume de actitudes abertas e democráticas”.