A CIG demanda responsabilidades políticas pola desaparición do servizo de practicaxe da ría de Corcubión
A CIG denuncia a actuación irresponsábel da Xunta de Galiza que deixa sen servizo de práctico aos portos de Cee, Corcubión, Corme e Laxe, comprometendo a seguridade marítima de toda a Costa da Morte e a continuidade dos empregos nas fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría. Dado as nefastas consecuencias, a central nacionalista estuda convocar novas mobilizacións para exixir o restabelecemento urxente deste servizo así como que se poña en valor unha infraestrutura tan reivindicada como o porto de Cee e que debería ser fundamental para o desenvolvemento económico da comarca.
A decisión de recortar á metade os custes de explotación e a manifesta incompetencia para chegar a acordo coa única persoa que tiña a habilitación para facerse cargo do servizo, provocaron que finalmente a licitación quedara deserta. Deste xeito, hoxe é o último día no que estará operativo este servizo portuario co actual piloto -que se xubila- e que xa tivo que comunicarlle o despedimento ao seu equipo de traballadores/as (conformado por nove persoas: patrón, mariñeiros e amarradores).
Todos os portos da ría quedarán polo tanto, dende mañá, inoperativos até o restabelecemento do servizo nunha suposta nova licitación, cuxa data se descoñece, pero que en todo caso aínda tardará meses en resolverse. A este respecto, a CIG pregúntase cales son as razóns polas que o Goberno galego non corrixiu durante o actual proceso a deficiente dotación económica e evitar así que quedara deserto o concurso.
Sobre a posibilidade de que outros/as pilotos operen nos portos da ría, a CIG subliña que isto constituiría unha ilegalidade, xa que segundo a normativa de aplicación, hai que contar cunha habilitación específica para cada zona. Esa habilitación conséguese tras seis meses de prácticas nos portos nos que se vai traballar e, neste momento, só hai unha persoa habilitada para os portos da ría de Corcubión.
A CIG xa alertara en maio pasado da posibilidade de quedar sen servizo de pilotaxe e do enorme impacto que esta decisión intencionada da Xunta de Galiza ten para a comarca. Intencionada por canto era coñecido que a redución dos custes ao 50% faría inviábel asumir esta actividade.
Neste senso, a CIG demanda que se depuren responsabilidades políticas por esta decisión que pon ademais en risco a continuidade de máis de 300 empregos nas fábricas de Cee e Dumbría, xa que sen práctico non haberá tráfico marítimo na ría. É dicir, non se poderá descargar a materia prima que chega en barco para o proceso de produción nin exportar o produto elaborado, que agora se terá que transportar por estrada, encarecendo así os custes.
Na mesma liña, a CIG critica que XEAL, a pesar do impacto que o novo contexto ten para a súa actividade, non respondera aínda ás solicitudes de reunión trasladadas polo comité para abordar a problemática; nin tampouco teña actuado para impedir a desaparición deste servizo.
Finalmente, a CIG lamenta tamén que nunha cuestión tan importante para seguridade marítima, o mantemento de postos de traballo e a operatividade dun porto fundamental para o futuro industrial da comarca se deixe morrer polo Goberno galego sen que haxa un posicionamento público contundente por parte da empresa e dos Concellos directamente afectados.