CIG defende a transferencia do servizo de Correos á Xunta de Galiza
A CIG vén de solicitar, mediante escrito presentado esta mañá no rexistro da Xunta de Galiza, unha reunión co presidente da Xunta para propoñerlle que inste o Parlamento galego a pedir a transferencia dos servizos que presta na actualidade a empresa estatal Correos. Esta é unha histórica reivindicación da central sindical, xa que ter as competencias en materia postal permitiría unha xestión adecuada deste servizo, atendendo ás particularidades territoriais e de distribución da poboación galega. Pero ademais, suporía unha mellora substancial para os traballadores e as traballadoras de correos, sorteando deste xeito o illamento actual que este colectivo ten co resto do persoal da Administración Pública.
A transferencia do servizo postal a Galiza (posibilidade que recolle a Constitución española e o Estatuto de Autonomía) podería ser un elemento revitalizador do rural galego, "dándolle aos servizos postais a calidade correspondente ao peso e á importancia adecuada que o rural ten na nosa xeografía polas características de dispersión poboacional, xeografía e climatoloxía".
O servizo postal universal está atribuído á empresa pública Correos e Telégrafos, que nestes momentos está a diversificar a súa actividade en distintos negocios e servizos. Neste contexto, subliña o secretario nacional da CIG-Correos, John Vivanco, "non podemos deixar de pensar nas posibilidades que tería un servizo de Correos de Galiza para achegarse a núcleos e negocios illados e a colectivos de persoas que tenden á infracomunicación. Suporía unha vantaxe para as granxas, explotacións madeireiras, as persoas maiores, as aldeas en proceso de rehabilitación, etc.; co conseguinte beneficio social e o 'nicho' económico que se podería abrir".
De aí que, ademais do servizo postal básico, para a central sindical, Correos de Galiza debería ofrecerlle ás galegas e aos galegos outros servizos que favorezan e posibiliten a inclusión social de colectivos desfavorecidos e o acceso a servizos básicos nos núcleos e/ou persoas con dificultades de comunicación. Vivanco subliña que a potente a ramificada estrutura e capacidade loxística que ten actualmente Correos podería servir tamén "como vertebrador das comunicación entre a Administración e a cidadanía".
Con tal fin, defende que Correos de Galiza ten que manter e ampliar as oficinas e xanelas de atención ao público en todos os concellos e núcleos de importancia ou situación especial. E, da mesma maneira, xerar empregos de calidade, transformando o traballo temporal e precario en postos fixos con todas as garantías e dereitos.
Contrato-Programa con Correos
A transferencia de competencias do Estado ás Comunidades Autonómas é unha posibilidade recollida no artigo 150.2 da Constitución española. Dado que o Estado ten reservada a competencia exclusiva en materia de correos e que ten subscrito un Contrato-Programa coa empresa pública Correos para a prestación do servizo, para poder efectivizarse a asunción do servizo postal, a Comisión Bilateral haberá de establecer a subrogación da Xunta na posición da Administración Xeral do Estado, e remitir a un convenio entre a Administración galega, como nova autoridade postal na prestación do servizo de correos en Galiza, e a «Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, SA» o estabelecemento e concreción das condicións de xestión e prestación dos servizos.