CIG, CUT e STAJ acusan a USO, CCOO, UGT e CSIF de “vender” aos traballadores/as de Xustiza
Representantes na mesa de negociación da folga do sector de Xustiza da CIG, CUT e STAJ denuncian que co preacordo asinado hoxe por USO, CCOO, UGT e CSIF coa Xunta de Galiza “consumouse a traizón á Xustiza en loita”. Cuestionan que a eses sindicatos hoxe lles sirva a mesma proposta que desbotaron hai unha semana; rexeitan que se relegue ao sector a permanecer sempre en non máis do sétimo posto, canto a salarios; denuncian que centos de traballadores/as que foron á folga quedarán excluídos e desmenten que para este ano lles vaian dar 300€ como di o goberno, xa que as cantidades oscilarán entre os 61 e 67€ como máximo.
Oscar Freixedo, representante da CIG na mesa de negociación, asegura que “non podemos avalar este trapicheo, esta negociación pola porta traseira” que, lembra, “saíu á luz hai oito días na negociación e na rolda de prensa, cando o propio Rueda desvelou ese entramado que tiñan”.
Freixedo afirma que o acordo que hoxe se avalou “foi rexeitado” hai unha semana por todos os sindicatos que conformaban o comité de folga e denuncia que “esas catro organizacións sindicais, postas en modo Rajoy, coa cabeza metida no buraco pola vergonza que estaban a pasar, chegan agora e ese acordo”. Por iso, reitera que “non o podemos avalar” e menos cando “xa tiñamos a batalla vencida”, afirma.
Non se poderán reclamar incrementos retributivos
Segundo o representante da CIG con este precaordo o persoal de Xustiza de Galiza quedará permanentemente relegado ao sétimo posto e só cando non se chegue a esa posición se poderá volver revisar. “É unha soga ao pescozo, pan para hoxe e fame para mañá”.
Con el concordan a representante da CUT, Nuria Fornos e de STAJ, Enrique Araujo, que matizan que as cantidades acadadas oscilan entre 61, 63 e 67 euros para este ano, non os 300 euros que está dicindo o goberno. “Isto quere dicir que para o ano 2018, contravindo o mandato parlamentario imos estar no noveno posto. Esta é a realidade, non o que está dicindo Alfonso Rueda”.
Freixedo denuncia tamén que no plan de revisión que asinan “quedan centos de traballadores/as excluídos” e que “cartos que están recadados pola folga que poden ir destinados a outros compañeiros doutras mesas de compañeiros que no secundaron ou mesmo a levantar xulgados que estaban atascados”.
Nese sentido, Araujo explica que o acordo “non vai chegar a todos os traballadores/as, porque centos de traballadores/as van quedar sen recuperar un can dos descontos da folga, que só garante o 80% da recuperación do traballo pero que non fala en absoluto do tanto por cento de recuperación dos descontos feitos durante a folga”.