CIG-Correos solicita que se dote a todo o persoal de luvas de látex e xel desinfectante como medida preventiva ante o coronavirus
A CIG-Correos vén de remitir un escrito á Comisión Estatal de Saúde Laboral de Madrid solicitando que se dote a todo o persoal da empresa en Galiza de luvas de látex e de xel desinfectante individual como medida preventiva ante o coronavirus.
Para a CIG-Correos o protocolo establecido pola empresa resulta totalmente insuficiente para a maioría das traballadoras e traballadores, xa que tanto as/os carteiras/os como o persoal de atención ao público en oficinas non teñen a opción de lavarse as mans cada vez que están en contacto con outras persoas ou obxectos.
O secretario da CIG-Correos, Jhon Vivanco, sinala que o protocolo remitido por Correos recolle recomendacións básicas como lavar as mans de maneira frecuente, non viaxar a zonas de risco, evitar costumes sociais (como apertar as mans, dar bicos, ou o contacto físico en xeral), manter a distancia dun metro coas persoas con síntomas, e en caso desinfección respiratoria cubrir a boca e o nariz cando se tose ou espirra.
Vivanco lembra que os traballadores e traballadoras de Correos son un colectivo de risco debido ao seu continuo contacto e proximidade co público e coa clientela en xeral, polo que demanda da empresa que reforce as medidas preventivas para evitar posíbeis contaxios. Máis, sinala, despois da aparición dos primeiros casos de persoas afectadas en Galiza a pasada semana, que están xerando preocupación entre os e as traballadoras.