A CIG-Correos reivindica os “santos/as carteiros/as inocentes”
A CIG-Correos de Compostela protagonizou esta mañá unha ‘performance’ reivindicativa para denunciar a situación na que se atopa a carteira de Boiro sancionada, logo de dous meses sen resolver o seu caso. Xunto a isto denunciou a indefensión das e dos carteiros diante dos abusos que padecen por parte da dirección de Correos.
Cunha procesión encabezada por un carteiro que cargaba coa súa propia cruz, simbolizando a excesiva carga de traballo que sofren as e os carteiros, por mor da redución dos cadros de persoal de reparto, comezaba a ‘performance’ que esta mañá se desenvolveu pola zona vella compostelá.
Un peculiar via crucis no que traballadores e traballadoras de reparto xunto con delegados/as e compañeiros/as da CIG portaban velas e carteis rogando por melloras nas súas condicións laborais. En plena Praza do Obradoiro o carteiro coa cruz axeonllouse suplicando clemencia a unha dirección que desoíu as súas pregarias diante das atónitas miradas de turistas e peregrinos que inmortalizaron esta inusual imaxe diante da catedral.
Desde alí a procesión regresou á Dirección Territorial de Correos, onde o carteiro que portaba a cruz foi atado polo seu verdugo –que simbolizaba un directivo da empresa estatal- e posteriormente salvado polos delegados/as da CIG que defenderon os seus dereitos.
Anxo Álvarez, da CIG-Correos, explica que con esta mobilización pretendíase chamar a atención tanto das veciñas e veciños de Compostela, como dos medios de comunicación. “Denunciamos a situación na que está esta compañeira, suspendida temporalmente de emprego e soldo inxustamente, mais tamén denunciamos a indefensión que sofren centos e centos de carteiros”.
Neste sentido sinalou que no seu traballo diario, o persoal de reparto padece un exceso de carga de traballo, contratacións irregulares, ordes que non se entregan por escrito e mesmo a obriga de traballar en días nos que non terían que facelo para recuperar festivos que teñen dereito a gozar.
Álvarez demandou máis persoal para atender todas as zonas de reparto diariamente, dando así cumprimento ao que di a Lei Postal, segundo a que Correos e Telégrafos está obrigada a repartir en todas as zonas, todos os días laborábeis da semana. “Non se están cubrindo as ausencia, o que provoca que ese traballo se teña que repartir entre o persoal nalgúns casos ou que queden esas zonas sen reparto”.
Ao final do acto entregouse un escrito en Correos solicitando a inmediata readmisión da traballadora e anunciouse que haberá más mobilizacións até que se resolva o seu caso e mentres non se solucionen os problemas laborais do conxunto do persoal.