CIG-Correos reclama máis medidas de protección para traballadores/as e usuarios/as ante o COVID-19
A CIG-Correos quere denunciar a pasividade con que a dirección de Correos está afrontando o problema do COVID-19. As súas actuacións, critican, non van máis alá de instrucións básicas como recomendar os seus empregados e empregadas que laven as mans con frecuencia ou manter distancias de seguridade.
O secretario do sector,John Vivanco, lamenta que as Xefaturas de Correos non son conscientes "de que están a dirixir a empresa con máis empregados/as de Galiza, empregados/as que por outra parte recorren diariamente todos os currunchos do noso país, dende a cidade máis grande até a aldea máis afastada".
Neste senso, subliñan que hai centros de reparto que contan con máis de 70 traballadores e traballadoras e que as usuarias e os usuarios empregan bolígrafos e PDAs para recibir os seus envíos sen que estes sexan hixienizados antes de volver a ser usados pola seguinte persoa. Por iso, para evitar os perigos de transmisión da enfermidade, reclaman da dirección de Correos que actúe con responsabilidade e de maneira urxente.
Queixas das persoas usuarias
Por outra banda, sinalan que o persoal que presta servizo nas oficinas postais tampouco dispón de ningún medio de protección "e por motivos evidentes non pode estar lavándose as mans cada vez que atende un usuario/a". De feito, algunhas persoas usuarias xa teñen protestado e mesmo posto reclamacións por ter que usar material sen hixienizar nas oficinas de Correos.
Por todo isto, o sector de Correos da CIG ten reclamado, dende que comezou o problema e por todos os medios ao seu alcance, medidas de protección (como luvas, xeles desinfectantes, mascarillas ou calquera outro que sexa eficaz) para os traballadores e traballadoras postais, "non só polo seu ben, senón tamén polo ben da xente que diariamente usa dos servizos de Correos, tanto nas oficinas como no seu propio domicilio. Correos ten que ser unha empresa de reparto a domicilio de correspondencia, non de virus!", asevera.