CIG-Correos organiza unha caravana de vehículos pola Coruña para denunciar as irregularidades nas bolsas de contratación
Miguel Ramudo, delegado de persoal da CIG en Correos, explicou que na provincia da Coruña hai 44 oficinas con 135 bolsas de substitucións, nas que están incluídos 389 servizos rurais, con máis de 1.800 contratados e contratadas. A normativa pola que se rexe a contratación en Correos está recollida no Convenio Colectivo e na Convocatoria das Bolsas de Emprego, ambas de 2012, e nelas estabelécese que os chamamentos se farán por orde de puntuación -de maior a menor- dos candidatos e candidatas de forma rotativa até que se esgote a bolsa para logo volver comezar dende o principio.
Porén, criticou Ramudo, “Correos introduciu nos criterios unhas rotacións nos chamamentos que nada teñen a ver co sistema rotativo estipulado e que ninguén pode controlar”. Deste xeito, o persoal das bolsas descoñece por que número van os chamamentos, a quen lle corresponde o seguinte “ou se foi feito conforme á legalidade”. Neste senso, denuncia que Correos está deixando de chamar a traballadores e traballadoras que figuran nas bolsas de contratación e pasa a cubrir eses postos con “persoas seleccionadas a dedo e que son alleas a estes listados”.
Xunto a isto, dende mediados do mes de maio, Correos está aplicando unha tipoloxía de contrato diferente para as substitucións das vacacións. Até o de agora, aclara Ramudo, eses contratos facíanse por interinidade en substitución do traballador ou traballadora que collía as vacacións. “Pero dende maio os contratos de vacacións e por permisos retribuídos pasaron a ser de eventualidade por circunstancias da produción, porque non substitúen a ningún traballador/a que estea nunha situación de reserva de posto”.
Isto supón que, se até agora as persoas contratadas tiñan a posibilidade de facer 6 meses de contratos de eventualidade nos últimos 12 meses e, unha vez esgotado este período, podían a maiores facer os contratos dos períodos de vacacións, “de agora en diante isto non vai ser posíbel porque excederían o tempo permitido para eses contratos”.
Ademais, con este método, este verán a maioría das bolsas quedarán esgotadas “porque as persoas inscritas terán os 6 meses cumpridos nos últimos 12 meses e sen posibilidade de facer os contratos das vacacións”.
Fronte a isto, dende a CIG-Correos demándase unha modificación do actual sistema de contratación, tanto no que ten a ver co procedemento como os criterios e as formas de chamamento. “A CIG e o persoal das bolsas esiximos a Correos unha contratación que se rexa polos principios de ética, da xustiza e da transparencia”, aseverou o representante sindical.
A este respecto, lembrou que a CIG xa ten presentado multitude de denuncias diante da Inspección de Traballo e a xustiza, pola falta da información necesaria para poder controlar o proceso dos chamamentos e as irregularidades nas contratacións.
Increméntase o número de contratos, pero en precario
Na rolda de prensa, Ramudo salientou que dende que comezaron a facerse os chamamentos logo de que se convocaran as bolsas actuais (maio de 2012) realizáronse 12.121 contratos, “máis de 3.000 por ano, e unha media de 250 por mes”. No que vai de ano, continuou, nos 5 primeiros meses, acadáronse os 1.363 contratos, “moi preto dos 275 contratos por mes, incrementando a media dos anos anteriores nun 10%”.
Para a CIG-Correos estas elevadas cifras débense principalmente á conxelación da taxa de reposición de efectivos nos últimos anos, que obrigou a que os postos de cobertura necesaria sexan cubertos por contratación. E doutra banda “pola precariedade dos actuais contratos”. “Antes facíanse practicamente todos os contratos a xornada completa e agora moitos deles son a xornada parcial e aínda que non se cubre a mesma cantidade de horas sempre aumentan os contratos”, alertou.