CIG-Correos mobilízase contra o recorte de dereitos do Acordo Marco e por un servizo postal público galego de calidade

Nacional - 12 Mar 2025

A CIG-Correos continuou este mércores a campaña de denuncia pública contra a decisión do Goberno español de non apostar por un modelo público como Correos para prestar o Servizo Postal Universal a longo prazo e para rexeitar o Acordo Marco acadado entre a dirección CCOO, UGT, CSIF e Sindicato Libre, que suporá un novo recorte de dereitos para as traballadoras e traballadores.

Despois das concentracións realizadas na oficina da rúa do Franco en Compostela e diante do Parlamento galego, nesta ocasión, a CIG desenvolveu unha protesta na Coruña diante da Delegación do Goberno, na véspera da reunión da mesa sectorial de negociación que terá lugar este xoves 12 de marzo e na que a central nacionalista estará presente logo de presentar dúas demandas xudiciais, “xa que o acordo marco deixaba a CIG fóra da negociación”.

O secretario nacional do sector de Correos, John Vivanco, explica que o pacto asinado “pretendía afectar directamente ao persoal funcionario e laboral pero coas dúas demandas da CIG van ter que resolvelo na mesa de negociación colectiva para o persoal laboral e na mesa estatal sectorial para o persoal funcionario. Nós pediremos a retirada dese acordo e que se comece a negociar un convenio colectivo e un acordo xeral nas mesas que competen a cada ámbito”.

Recorte de persoal, menos dereitos e máis peches de oficinas

Vivanco denuncia que o pacto acadado entre a dirección de Correos CCOO, UGT, CSIF e Sindicato Libre suporá máis flexibilidade nos horarios laborais; impor a mobilidade funcional e xeográfica; modificacións no sistema salarial para ampliar as retribucións variábeis “ligadas a obxectivos que descoñecemos pero que se intúe que estarán vinculadas ás vendas e número de entregas”; unha diminución de efectivos de entre 8.000 e 13.000 persoas en todo o Estado; así como o peche de oficinas vinculado a criterios económicos de rendibilidade.

Unhas medidas, sinala, que afectarán especialmente ao ámbito rural galego e que van no camiño contrario das políticas contra o despoboamento. Neste senso, Vivanco incide en que Correos está presente en todos os concellos e conta en Galiza con 2.700 persoas traballadoras, das que arredor de 900 son persoal destinado no rural. “Desmantelar Correos é desmantelar un dos poucos servizos públicos que chega a cada unha das aldeas do país”, alerta.

Aínda que estaba previsto que o Acordo Marco fora ratificado o 15 de marzo, “xa hai un borrador que di que se ese prazo se amplía. Agardamos e traballaremos para o que acordo non se aplique”, asevera Vivanco. Lembra que o RD 9/2024 levaba un paquete de medidas relativas a Correos “pero ao non ser aprobado no Congreso aínda non hai orzamento para o seu desenvolvemento”.

Salienta que este real decreto declara a Correos como prestador do Servizo de Interese Económico Xeral, pero á vez determina que os traballadores/as de Correos “non son persoal empregado público” e establece que o SIEG “tamén pode ser prestado por filiais da Sociedad Estatal Correos y Telégrafos, é dicir mediante subcontratas”.

Fronte a isto, a CIG seguirá a defender un Correo público galego e de calidade.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.