CIG-Correos mobilízase contra o desmantelamento do centro de Lavacolla e para que se amplíen as instalacións
Delegados e delegadas da CIG-Correos realizaron esta mañá unha concentración diante do Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Lavacolla contra o progresivo desmantelamento das instalacións, para reclamarlle á empresa postal que non retire máis máquinas clasificadoras e ao tempo demandar a ampliación das instalacións.
Na protesta lembrouse que nos últimos anos Correos foi minguando a capacidade de tratamento postal do CTA de Lavacolla, eliminando unha liña completa de clasificación de correo normalizado así como varias máquinas de clasificación automatizada que estaban en perfecto funcionamento. Ademais, as máquinas que se eliminaron nos últimos anos nin sequera se trasladaron a outros centros de Correos, xa que se destinaron para chatarra ou para recambios.
O pasado mes, a empresa retirou outra das máquinas para cambiala por unha clasificadora máis grande, pero á vista da política de reestruturación que está levando a cabo Correos "o noso temor é que sigan quitando máquinas pero non poñan outras novas, avanzando así no desmantelamento do CTA", explica Anxo Álvarez, secretario de Organización da CIG-Correos.
Uns temores que teñen a súa base, sinala, xa que dende febreiro de 2021 a maior parte do correo ordinario que antes se clasificaba en Santiago trasládase agora até o CTA de Valladolid para a súa clasificación a sección e o posterior reparto. Este desvío supón unha perda de calidade e un atraso na xestión do servizo a causa dos días que se perden en facer o transporte até Valladolid.
Este cambio, denuncia Álvarez, supón que a máquina instalada en Lavacolla para tal finalidade funciona ao mínimo da súa capacidade, "polo que moito tememos que tamén a acaben sacando. E cada máquina que se retira, son postos de traballo que se perdemos en Santiago, póndose así en risco o futuro da actividade e dos empregos".
Por iso coa concentración deste xoves, a CIG-Correos reclama non só que se manteñan todas as máquinas de clasificación automatizada de Lavacolla, senón tamén ampliar as instalacións para poder incorporar novos equipos. E desta maneira, subliña Álvarez, garantir unha prestación do servizo eficiente, conservar os empregos, recuperar os traballos desviados a Valladolid e potenciar a central como centro de tratamento da paquetería, tendo en conta o medre espectacular rexistrado por este sector está nos últimos anos.