CIG-Correos manifesta o seu rotundo rexeitamento ante o cuestionamento do labor do persoal por parte da ultradereita

Afirma que os votos “son custodiados, arquivados e controlados por medio de relacións detalladas en despachos precintados até o día dos comicios”
Nacional - 08 Out 2026

A CIG-Correos vén de manifestar o seu rotundo rexeitamento ás declaracións vertidas desde as cúpulas de diversas forzas políticas de dereita e ultradereita poñendo en tela de xuizo a profesionalidade e o cumprimento da Lei dun Servizo Público como o prestado por Correos no voto por correo.

Segundo explican, calquera persoa que teña votado por correo sabe do traballo e as exixencias que conleva a súa xestión. “Deben pasarse tres filtros de seguridade. Hai un primeiro filtro de seguridade que é a solicitude de voto, que debe ser presentada polo propio elector identificándose co seu DNI e que se fai desde unha Oficina de Correos, ou con certificado dixital, se se solicita de xeito telemático dende a web”.

O segundo filtro de seguridade, sinalan, “é a recepción da Documentación Electoral, que só pode ser entregada polo carteiro ao elector en persoa debidamente identificado, de novo, mediante o DNI”. Este envío é un Certificado Oficial Urxente no que se inclúen todas as papeletas, o sobre de voto, o de voto por correo e a certificación censal.

E o terceiro filtro de seguridade “é no que o elector debe depositar en persoa o sobre de voto nunha Oficina de Correos, identificándose por medio do DNI de novo, por terceira vez”. A remisión de todos os envíos de Documentación Electoral está supervisado polas Xuntas Electorais, formadas por xuíces. Faise constar ademais que unha vez solicitado o voto por correo non poderá efectuarse o voto en persoa en furna o día dos comicios.

Precariedade

A CIG-Correos si chama a atención, porén, na desaparición de 20.000 postos de traballo en Correos na derradeira década, dos que 5.400 desapareceron nos últimos dous anos. “Non se cobren baixas, xubilacións, traslados, decesos, vacacións...”, explican e subliñan que “non só se destruíu emprego estrutural, senón tamén deixou de xerarse o emprego eventual imprescindible pra vertebrar o territorio”.

Por iso, denuncian que o verdadeiro problema, e carencia, de Correos é a falta do persoal preciso, saneando contas a base de recortar postos de traballo e non as “esperpénticas declaracións tanto do Partido Popular como de Vox ao solicitar que non se vote por correo. A dereita e a ultradereita máis neoliberal, no máis puro estilo “el que pueda hacer que haga”. Para a CIG-Correos estas “gravísimas” e “totalmente inaceptables” declaracións, “non só poñen en tela de xuízo a profesionalidade e o cumprimento da Lei por parte de Correos, senón que tamén socavan a credibilidade da Administración e da propia democracia”.

Afirma que os votos que se admiten a través das 2.388 Oficinas de Correos “son custodiados provincialmente, arquivados e controlados por medio de relacións detalladas en despachos precintados até o dia dos comicios”.

Explica ademais que ese día, eses millóns de votos (2.5 millóns en 2023) son levados por 30.000 carteiros a todas as Mesas Electorais. “Controlados, rexistrados, selados, sen sinais de ter sido abertos e voltos a pechar”. Por iso, aseguran que “a posibilidade de manipular ese tan elevado número de votos, xestionado en tal cantidade de unidades, non só é mentira. É absolutamente imposible”.

Ante este ataque, a CIG-Correos considera que debera ser a propia Administración “quen saíse, por ética, á palestra para defender o bon facer dos seus empregados e do seu servizo”. Entende que tanto por parte da Presidencia de Correos como do propio Ministerio, ou da propia SEPI, “isto é algo do que non se pode xenerar nin controversia nin dúbida ningunha nin hoxe, nin nunca”.