A CIG entrega preto de mil sinaturas de carteiros/as rurais esixindo unha compensación xusta por usar o seu vehículo para o reparto

A achega está conxelada dende 2011 malia a suba dos carburantes
A Coruña - 29 Out 2019

O sector de Correos da CIG-Administración entregou esta mañá no rexistro da Delegación do Goberno as 941 sinaturas recollidas entre o colectivo de carteiras e carteiros do rural para esixir a actualización da cativa compensación económica que perciben por ter que utilizar o seu vehículo particular para facer o reparto postal e que, malia o incremento constante do custe da vida e do prezo dos carburantes, permanece conxelada dende o ano 2011.

O secretario nacional da CIG-Correos, John Vivanco, que acudiu a rexistrar as sinaturas no edificio da Delegación do Goberno na Coruña acompañado polo secretario de Organización sectorial, Anxo Álvarez, explicou que os carteiros/as das zonas rurais teñen que pór obrigatoriamente o seu vehículo propio para facer o reparto e que por esta razón perciben unha pequena compensación "que non cubre os gastos e que leva conxelada oito anos".

En Galiza, 1 de cada 3 carteiras/os traballa no rural

Lembrou que dende 2011 o conxunto do persoal de Correos perdeu poder adquisitivo porque a subas salariais foron sempre menores ao IPC, "e se a isto lle engadimos o incremento continuado dos carburantes, dos prezos mecánicos e dos seguros, resulta que son os carteiros e as carteiras que poñen o coche propio quen está sufragando do seu peto parte da prestación do servizo postal".

A este respecto, Vivanco resaltou que en Galiza un de cada tres carteiros/as traballa no rural (a rateo a nivel estatal sitúase en un de cada oito) e que o 40% da poboación galega vive fóra das zonas urbanas. "Por iso, esta é unha problemática que afecta especialmente ao persoal de Correos do noso país".

Os gastos dispáranse pola obrigatoriedade de asumir as zonas de reparto dos compañeiros e compañeiras que por calquera motivo non poden acudir ao seu posto (vacacións, baixas, etc.), xa que Correos non cubre estas ausencias. Deste xeito, os quilómetros diarios que teñen que percorrer aumentan, incrementándose tamén os gastos "nunhas nóminas xa mermadas polas sucesivas conxelacións salariais e, no caso do persoal funcionario, recortadas ademais polo desconto do 5% do soldo".

Incumprimento do establecido no convenio colectivo

O responsábel da CIG-Correos informou que cando se asinou o último convenio, no ano 2011, estableceuse a creación dunha mesa para revalorizar o prezo de compensación cada seis meses, pero nin a empresa nin os sindicatos asinantes do convenio volveron sentar para tratar este tema nin se chegou a constituír dita mesa.

Nestes momentos, explicou, Correos está pagando o km/día a 23 céntimos de euro, polo que con esta entrega de sinaturas "reclamamos precisamente que se forme esta mesa para analizar a evolución do prezo dos carburantes e a suba do IPC e que se pague a quilometraxe e o resto de conceptos relacionados coa achega do vehículo propio acorde co seu custe real", aseverou.

 O persoal ten que tributar pola compensación

Vivanco denunciou que, a maiores, este colectivo está penalizado por Correos que os/as deixa fóra de moitas axudas de acción social e mesmo teñen que tributar polas contías de compensación. Por esta razón a CIG ten solicitado á dirección de Correos que faga as xestións oportunas para que os catro céntimos de diferenza entre o que paga a empresa postal (23 cent.) e os 19 céntimos establecidos na Administración non tributen na declaración da renda e que a compensación por achega de vehículo tampouco se teña en conta para a concesión das axudas de acción social.