A CIG-Correos detecta 127 contratos irregulares na provincia da Coruña
A CIG Correos da Coruña denunciou esta semana diante da Inspección de Traballo a empresa Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A., pois, no marco do labor de control que fai a central sindical sobre o sistema de contratación, atopáronse 127 afectados/as por contratos irregulares na provincia nos anos 2015 e 2016.
Aínda sendo "graves e inadmisíbeis" os feitos detectados nos derradeiros anos, para o sector de Correos da CIG resulta "incríbel que continúen a suceder" despois de ser sancionada a empresa pola consellería de Economía Emprego e Industria, de xeito reiterado en 2015 e de novo en 2016, tal e como lle foi notificado á central en datas pasadas.
Así, en 2015 Correos S.A. foi sancionada por falta grave en grao medio e en grao máximo en 2016, impóndoselle a maior das sancións previstas. Pero estas multas parecen ser insuficientes para que a empresa estatal corrixa os seus modos de “… utilización fraudulenta da modalidade contractual e transgresión da normativa reguladora …”, tal como os describe a Consellería. "Correos, seguindo as directrices austericidas do goberno de Madrid, encobre con contratos temporais o que son vacantes de persoal que deberían de ser consolidadas en postos fixos", denuncia Fernando Novás, delegado sindical da CIG-Correos da Coruña.
Tamén advirte a CIG Correos que tal cantidade de contratos en fraude de lei podería causar unha avalancha de demandas de fixeza, despois do precedente do ano 2011, no que un empregado conseguiu pactar cos responsábeis de Correos no órgano de arbitraxe (SMAC), un acordo de relación laboral con carácter fixo, "conseguindo deste xeito, sen mediar resolución ditada por ningún órgano de Correos, un posto fixo".
Este xeito de acceso sen superar oposición, concurso, proba, nin tan sequera criterio algún preestablecido, xa foi denunciado pola central sindical no seu día, "por consideralo inaceptábel e inxusto ao saltarse todas as garantías de que non se vulnere o dereito de igualdade de acceso a un posto de traballo nunha empresa do Estado".
Campaña polos dereitos do persoal temporal
A CIG Correos da Coruña, que leva anos denunciando a precariedade e irregularidade do actual e obsoleto sistema de contratación, vai pór en marcha unha campaña polos dereitos do persoal temporal. Esta campaña, que arranca coa denuncia na Inspección de Traballo, pretende defender os dereitos das persoas contratadas na normativa vixente, que Correos actualice as bolsas de contratación de onde se fan os chamamentos pola orde adecuada, que a empresa redacte unha nova norma de contratación menos penosa e máis conciliadora coa vida persoal e profesional das persoas candidatas.
Ademais demándase á empresa postal que axilice e finalice o proceso de “consolidación” de 2016 que está por rematar e non demore máis do estritamente preciso a oferta das máis de 2.500 prazas prometidas no novo proceso anunciado para 2017.
"Estes procesos darán a opción a que moitas persoas que neste momento sofren a precariedade da eventualidade, poidan optar en situación de igualdade a prazas fixas cos mesmos dereitos e beneficios que calquera outro empregado ou empregada", engade Novás.
As demandas da central sindical irán acompañadas da celebración de asembleas de persoal temporal, co obxectivo de que esta amplo colectivo poida pór de manifesto as súas necesidades, as distintas situacións a corrixir, así como os criterios que pensen que deben de seguir as futuras normativas de contratación. Nestas reunións tamén se deseñarán os actos e mobilizacións "que deben de facer visíbel a este sufrido e numeroso colectivo, diante da sociedade".