CIG-Correos denuncia tratamento discriminatorio nos chamamentos das bolsas de contratación
Representantes de CIG-Correos presentaron esta mañá no rexistro da entidade, na oficina principal, sita na rúa do Franco de Compostela, un escrito apoiado por traballadoras e traballadores, no que denuncian o trato discriminatorio e desigual nos chamamentos para realizar contratos.
Segundo explica o secretario nacional, John Vivanco, “dáse o caso de persoas que só se inscribiron para as modalidades de tempo parcial de luns a venres, de tempo parcial de dous días á semana ou de venres, sábados e domingos/festivos que están sendo contratadas para as modalidades a tempo completo de luns a venres, mentres quen se inscribiron para tempo completo, de luns a venres, quedan relegados a contratos de tempo parcial, contratos para determinados días da semana ou simplemente quedan sen contrato”.
Vivanco denuncia ademais que estas irregularidades “fan perder puntuación nos méritos tanto para os procesos de ingresos como para os de formación de novas bolsas de emprego a todos os afectados”.
Por iso, a CIG-Correos demanda un sistema transparente nas bolsas, onde se poida saber a posición de cada integrante da bolsa en relación co resto, ademais de coñecer ás persoas integrantes das bolsas colindantes e p número de rotacións de todas e cada unha delas.
O secretario nacional incide ademais na necesidade de que haxa un sistema telemático de seguimento da contratación de fácil acceso, que permita coñecer aos integrantes das bolsas, rotacións, incidencias, chamamentos que se realizan e previsións da contratación. Isto ademais de demandar a aplicación para a xestión das bolsas de contratación da “Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, na que aparecen as Sociedades Mercantís do Estado”.