CIG-Correos denuncia atrasos no reparto da correspondencia en diversas zonas de Carballo por falta de persoal

Advirten que de 17 postos na quenda de mañá, nove están sen cubrir
Carballo - 13 Nov 2024

O sector de Correos da CIG esixe, ante a situación que se está a vivir no Concello de Carballo, que se contrate con persoal eventual toda as zonas que están nestes momentos sen cubrir para poder garantir así o reparto diario da correspondencia e aliviar a excesiva carga de traballo que están asumindo os traballadores e traballadoras desta unidade.

Actualmente, explican, de 17 postos que hai na Unidade de Reparto de Carballo na quenda de maña, están sen cubrir nove, "o que supón máis da metade do cadro de persoal". Esta carencia provoca que as traballadoras e traballadores desta unidade teñan que asumir unha enorme sobrecarga de traballo e, ademais, soportar as reclamacións verbais que durante o reparto reciben por parte das persoas usuarias.

A CIG constatou que habitualmente quedan pendentes de saír a reparto un 100% dos envíos nalgunhas zonas de Carballo, e que este retraso que está a sufrir a veciñanza de case todos os núcleos de poboación do concello "crea un ambiente de crispación entre usuarios/as e servidores/as do servizo postal". As zonas que levan atrasos na correspondencia por falta de persoal son: centro de Carballo e o extrarradio, Barrio de Chorís, Barrio das Flores, Cances, Xoane e Verdillo.

 Máis beneficios a conta de non contratar persoal

A representación da CIG critica que a Dirección da Zona Noroeste de Correos discrimina á cidadanía que reside no Concello de Carballo "ao non levarlles diariamente a correspondencia" e responsabiliza desta "lamentábel situación" o Xerente de Produción e o Xerente de Persoal e Relación Laborais "pola nefasta xestión que está a levar nos últimos anos, a cal vai encamiñada a incrementar os beneficios a conta de non contratar persoal suficiente para substituír as traballadoras e traballadores que están de baixa, vacacións, licenzas…". Denuncian que con esta política de non contratación "o que se pretende é que a Zona Noroeste sexa a máis rendíbel do Estado español".

O resultado destas prácticas, engade a CIG-Correos, é sempre o mesmo: "as usuarias e usuarios padecen a falta de calidade do servizo porque a empresa que ten que repartir cinco laborábeis á semana non contrata o persoal necesario para cumprir con esa obriga".

Por iso, a CIG-Correos esixe a contratación urxente das nove carteiras e carteiros que faltan nestes momentos na Unidade de Reparto de Carballo, xa que de seguir así, "a situación complicarase coa chegada da campaña de nadal".