CIG-Correos aposta pola mellora de servizos postais no noso rural pero en condicións dignas
A CIG-Correos agarda que a reunión celebrada este xoves, día 24 de agosto, entre o presidente de Correos, Juan Manuel Sérrano e o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, teña servido para que, dunha vez por todas, se pare a sangría de perda de efectivos para desenvolver este servizo e outros novos. Asegura que é moi difícil falar de melloras nos servizos cando se vén diminuíndo de modo constante o número de traballadores e traballadoras para realizalo.
A CIG-Correos considera positiva a dixitalización das oficinas auxiliares e demais servizos, pero estas melloras “teñen que ir acompañadas de un servizo máis amplo en canto a horarios e tamén en número de efectivos a hora de desenvolver o traballo”, afirma o secretario nacional do sector, Jonh Vivanco.
Para a CIG-Correos, se hai que darlle a volta o despoboamento de poboación no rural, son precisas medidas de discriminación positivas, que implican o mantemento dos servizos, como no caso que nos ocupa os postais. Porén Vivanco asegura que “a realidade mostra unha estampa ben distinta posto que a redución de persoal no rural galego nas últimas décadas é considerable”.
Xunto a isto sinala que son precisos medios adecuados para desenvolver os servizos que hoxe se prestan e que sexan en condicións de seguridade. A isto engade que “non se pode permitir que o persoal que desenvolve os servizos rurais no noso país, e que está a poñer un vehículo a disposición da empresa, siga tendo as mesmas contraprestacións que fai máis de dez anos, como si os custes non variasen nada”. Por iso conclúe que, “mellorar o servizo no rural si, pero en condicións dignas”.