CIG-Correos advirte da imposibilidade gardar as distancias de seguridade nas oficinas da comarca de Ferrol
O sector de Correos da CI-Administración denuncia o incumprimento das medidas de protección que establece o Ministerio de Sanidade para minimizar o contacto entre persoas traballadoras co obxectivo de garantir a distancia de seguridade de dous metros.
Correos implementou un “Protocolo de adaptación das medidas extraordinarias para un retorno progresivo á normal actividade”, no que se establecen dúas fases: na primeira, o servizo se prestaba co 50% do persoal e na segunda fase, que se pon en marcha este luns, día 11, incorpórase o 100% do cadro de persoal. Este protocolo, explica a delegada da CIG-Correos, Sandra Otero, foi elaborado unilateralmente pola empresa, sen estar consensuadas as medidas a tomar cos/as representantes dos traballadores e das traballadoras.
"En ningunha oficina da comarca de Ferrol existe o espazo suficiente para que haxa unha separación de dous metros entre as e os traballadores co 100% da persoal incorporado. Xa era difícil manter a distancia de seguridade estando operativo o 50% do persoal, sobre todo nas actividades comúns, polo que resulta completamente imposíbel mantela co 100%, nunha empresa que actualmente ten 65 contaxios verificados por test, 580 contaxios e 2936 persoas en corentena, sendo o segundo colectivo con máis afectados polo coronavirus, despois do persoal sanitario", advirte.
Neste senso, sinala que está en risco non só a saúde dos traballadores e traballadoras de Correos, senón que o persoal carteiro presta un servizo na rúa, "que acudimos a todos os domicilios, polo que, aparte do noso propio risco, existe tamén o risco de que poidamos transmitirlle o virus á poboación coa que temos que ter contacto por mor do noso traballo".
Desamparo do persoal
Diante disto, a CIG-Correos denuncia "o desamparo no que Correos está deixando os traballadores e traballadoras ante o perigo de contaxio, incumprindo o establecido na Lei de Prevención de Riscos Laborais que establece a obriga para as empresas de garantir a seguridade e saúde das persoas ao seu servizo. O único que lle preocupa a empresa e recuperar o nivel de actividade normal e minimizar as perdas económicas, aínda que para conseguir iso teña que sacrificar a saúde do persoal de reparto".
A CIG tomará as medidas necesarias para denunciar esta situación ante as autoridades laborais competentes nesta materia e, no caso de que a consecuencia desta situación houbese algún traballador ou traballadora afectada, "demandaremos responsabilidades pola vía penal".