CIG-Correos advirte da falta de contratación e da mala xestión do proceso electoral en Galiza
O sector de Correos da CIG denuncia a falta contratación en Galiza para afrontar as eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo "cun mínimo de garantías e de calidade". Explican que moitos dos miles de contratos que a empresa postal anunciou "non teñen como obxecto reforzar os servizos á cidadanía, senón que se empregan para cubrir ausencias programadas como vacacións, permisos e vacantes".
A isto hai que sumarlle, subliña o secretario nacional da CIG-Correos, John Vivanco, que neste momento, cando a carga de traballo se multiplica por dous ou por tres, "inexplicabelmente Correos continúa coa política de recargos , endosándolle aos/ás traballadores/as zonas de reparto extra que están sen cubrir por diversos motivos".
Non obstante, critica que este esforzo esixido ao persoal "non é compartido por todos os dirixentes da empresa, pois o máximo responsábel de Recursos Humanos en Galiza colleu as súas vacacións anuais en plena campaña electoral".
Aínda que Correos non facilita datos sobre eleccións ás organizacións sindicais, por estimacións extra oficiais sábese que o número de solicitudes de voto por correo previsibelmente chegue aos dous millóns e medio. "Con esta proxección requírese un reforzo real das unidades aumentando os recursos humanos dispoñíbeis mediante contratación, a fin de evitar o risco de que os cidadáns e cidadás sufran demoras no reparto da documentación electoral en domicilio e colas para poder emitir o voto en oficina", valora Vivanco.
Para que non se repitan os mesmos erros das pasadas eleccións locais cando houbo unidades ao borde do colapso, a CIG insta a Correos a realizar á maior brevidade posíbel toda a contratación necesaria "e non esperar a última hora confiando en que sexa como sempre o compromiso e a dedicación dos e das profesionais de Correos quen resolvan con éxito os obxectivos desta campaña electoral".