A CIG convoca folga na Atención Primaria o 12 de marzo ante a situación límite do sistema
Traballadores e traballadoras da Atención Primaria concentráronse este martes diante de numerosos centos de saúde e PAC de todo o país para exixir medidas que garantan as calidade asistencial e unhas condicións laborais dignas. Nas protestas, convocadas pola CIG-Saúde, anunciouse tamén a convocatoria de folga neste ámbito para o vindeiro 12 de marzo ante a falta de respostas efectivas por parte da Consellaría de Sanidade.
A secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, advertiu que a Atención Primaria está nun proceso de deterioro continuado porque non se adoptan medidas estruturais e pola inacción da Consellaría ante as demandas do persoal e as necesidades da cidadanía. A responsábel sindical debuxou un sistema marcado pola sobrecarga asistencial, a carencia de profesionais, a burocratización do traballo e a precariedade organizativa.
"Dende o ámbito sindical levamos meses reclamando actuacións urxentes e concretas, pero a resposta da Consellería é crear novos grupos de traballo sen medidas reais nin prazos de aplicacións. Isto evidencia que non hai vontade para resolver os problemas estruturais da Atención Primaria e garantir un servizo público de calidade", denunciou.
Lestón reivindicou limitar as axendas asistenciais, incorporar máis persoal en todas as categorías profesionais, eliminar a burocracia innecesaria e definir ratios adecuadas nas áreas administrativas e asistenciais. Así mesmo solucionar os problemas cos cómputos das xornadas, a carga asistencial e a falta de planificación funcional na atención continuada e nos PAC.
Sobre a proposta de Sanidade de crear máis grupos de traballo lembrou que durante anos o Consello técnico de Atención Primaria xa fixo ese labor contando coa participación de profesionais deste ámbito, xa se definiran as carteiras de servizos das distintas categorías e se aprobaran conclusións de mellora do sistema "que agora quedan no caixón para volver abrir novos grupos, que non fan máis que atrasar a aplicación das medidas que se precisan".
Salientou Ana Lestón que coas concentracións deste martes búscase visibilizar "a situación límite" que vive a Atención Primaria e reclamar accións urxentes que deben pasar pola redución da sobrecarga asistencial e a limitación das axendas, o reforzo do persoal, a mellora das condicións laborais e retributivas, a planificación efectiva e negociada da organización dos centros de saúde e dos PAC, e a posta en marcha de medidas estruturais que garantan a sustentabilidade do sistema público.
"Son estas razóns, engadiu, ás que levan a CIG a convocar unha xornada de folga en toda a Atención Primaria para o 12 de marzo e a facer un chamamento ao conxunto de profesionais e da cidadanía a participar nas mobilizacións para defender unha Atención Primaria pública, digna e con recursos suficientes", concluíu.