CIG-Construción rexeita o acordo de convenio asinado por CCOO e UGT en Madrid
Delegados e delegadas da federación de Construción e Madeira da CIG concentráronse esta mañá diante da Federación Galega da Construción, en Compostela, para manifestar o seu rexeitamento ao acordo do convenio estatal da Construción asinado por CCOO e UGT. Unha mobilización coa que arrinca a campaña de actos de protesta, que se reproducirán no resto das provincias galegas, para tentar de corrixir o que cualifican como “nefasto acordo de Madrid” e frear a súa translación a Galiza onde, advirten, intentarán aplicalo, “alí onde teñan maioría, sen sequera negociar”.
Ao inicio da concentración o secretario nacional, Plácido Valencia, denunciou a precarización das condicións laborais que contempla o acordo, que “seguen apostando por contratos eventuais”, dixo, “ e están a poñer todo o seu esforzo no contrato fixo-descontinuo”.
A FCM-CIG non encontra sentido a este tipo de contrato, porque “fará reféns a todas as traballadoras e traballadores das empresas”. Segundo Valencia, esta modalidade de contratación permite, xa coa última reforma laboral, crear unha bolsa de contratación cun tempo máximo de chamamento-retorno ao traballo de tres meses. Porén neste sector “a pretensión é empeorar aínda máis as condicións, eliminando o prazo de chamamento sen acotalo no tempo”, denunciou. Isto implica que “calquera operaria/o pode atoparse nesta situación (bolsa de contratación) e á espera de ser chamado durante toda a súa vida laboral, sen nunca ser convocado”.
A Federación tampouco comparte os criterios “que intuímos”, porque “tal e como se desenvolveron as negociacións, quedarán en mans da Fundación Laboral da Construción ou nos asinantes dos Convenios Provinciais”.
A CIG rexeita tamén o empeoramento das condicións laborais das traballadoras e traballadores máis novos. “Danlle un novo pulo aos contratos de formación e prácticas facilitándolle man de obra barata ás empresas”, asegura.
Crean un plan de pensións que se “come” a suba salarial
Xunto a isto a FCM-CIG denuncia que se promove a perda de poder adquisitivo porque “a suba porcentual que anuncian estará supeditada á porcentaxe que destinen ao Plan de Pensións que pretenden crear”. Deste xeito, a porcentaxe na que se verían incrementadas as súas nóminas, estará minorada pola aportación ao Plan.
A FCM rexeita, en todo caso, a aposta de CCOO e UGT “polo desmantelamento das Pensións Publicas e dignas”. Neste sentido, o secretario nacional sinalou que “semella que teñen moitos intereses económicos neste tipo plans, tentando derivar diñeiro publico a mans privadas, comprometendo uns futuros incentivos polo Goberno que non se coñecen, cartos públicos que pertencen á cidadanía e co que poderían dignificar as pensións públicas ou dotar outros como a Saúde ou o Ensino”.
Respecto dos incrementos salariais denunciou que “a suba asinada aínda será inferior, e seguirán perdendo poder adquisitivo engadíndolle ao anterior unha cláusula de revisión, sen atrasos, sen tomar en conta o IPC real e topado cun máximo”.
Estas non son as únicas cuestións que empeoran. Tamén se renuncia, segundo a federación, ao Plus de Perigosidade nas/os obreiras/os das mercantís de Conservacións e mantemento de estradas, reivindicación recorrente deste sector e pola que a FCM CIG seguirá loitando.
Continuidade dos chiringuitos
A FCM explica que neste convenio se crea unha nova formación “para que siga subsistindo o seu negocio en común”: a Fundación Laboral da Construción. Deste xeito, apunta, as asalariadas e asalariados de arqueoloxía, instalacións de prefabricados, de grúas torre e telescópicas, entre outros, “quedan na súa man, facéndolle pagar a formación que só permiten dar eles mesmos para poder optar ós diferentes postos”.
Por iso, diante deste convenio, a FCM chama ás traballadoras e traballadores a defender os dereitos do sector, a “non renunciar a un salario digno, a unhas pensión públicas decentes”, e a “facer fronte a esta deriva dos sindicatos estatais, entregados ao poder