CIG-Construción exixe a subrogación de todo o persoal das concesionarias das autovías que serán rescatadas

Mantiveron unha xuntanza co grupo parlamentario do BNG, que se comprometeu a facer unha pregunta parlamentaria para que se aclare a situación na que quedan os traballadores
Nacional - 30 Out 2024

A mediados do mes de outubro, sen ningunha información previa, o presidente da Xunta, anunciaba o rescate por 300 millóns de euros das autovías do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión. Un anuncio que provocaba unha preocupación máxima no persoal de conservación e mantemento, que exixe que se lle aclare en que situación quedarán unha vez se efectivice.

Inmediatamente despois de se facer público o anuncio na prensa, a CIG solicitaba, en representación dos traballadores, unha xuntanza coa administración para coñecer o alcance deste rescate e as consecuencias para o persoal. Malia isto, a CIG-Construción denuncia que non obtiveron resposta algunha.

Por iso, este martes reuníanse cunha representación do grupo parlamentario do BNG para solicitar o seu apoio. Nesta xuntanza os nacionalistas comprometíanse a facer unha pregunta parlamentaria para que a administración explique dunha vez como se vai proceder a realizar ese rescate e como vai afectar ao persoal.

As empresas concesionarias destas autovías recibían unha “peaxe na sombra”. Para garantir a súa conservación e mantemento contan con persoal que leva anos contratado. Por iso, a CIG-Construción exixe a subrogación de todo este persoal e que se garantan as súas condicións laborais. Unha situación que a Xunta non aclara e que debería estar resolta antes do 31 de decembro, data na que o propio Rueda anunciou que se faría efectivo ese rescate.