A CIG denuncia o ataque “sen precedentes” que supón a impugnación do convenio da Construción de Pontevedra
A Federación de Construción e Madeira da CIG advirte das posíbeis consecuencias da impugnación por parte da patronal estatal da Construción (CNC) do convenio provincial da Construción de Pontevedra, que viña de ser asinado entre a CIG e a patronal provincial APEC. Anuncia ademais que recorrerá a sentenza do TSXG que estima parcialmente esta impugnación, porque “vén lexitimar un auténtico atentado contra a negociación colectiva e senta un precedente moi negativo que poderá ser tomado como referencia no futuro”.
No convenio contémplase unha mellora en asuntos importantes aos que o convenio estatal non é quen de dar resposta (control da temporalidade na contratación, etc...) e blinda a subrogación das actividades de conservación e mantemento de estradas ou vías férreas en aspectos tales coma o mantemento íntegro da antigüidade que o novo Convenio Estatal pon en cuestión, ou doutros en que se mellorou o texto estatal coma permisos e licencias.
A CIG-Construción lembra que as sucesivas reformas laborais de PSOE e PP deterioraron as condicións laborais da clase traballadora até unha situación case terceiromundista, o que tamén se manifesta nun claro retroceso no que a negociación colectiva se refire, pois tenta priorizar o marco negociador estatal coa conivencia das patronais e UGT e CCOO, centralizando en Madrid a negociación colectiva e impedíndonos acadar melloras nos convenios colectivos provinciais.
Subliña que a central sindical leva anos advertindo dos perigos desta circunstancia. Porén, “nunca como até agora se manifestou con tal clareza este intento de recentralizar a negociación colectiva como con este gravísimo ataque contra a negociación provincial, ao impugnar o acordo entre os representantes lexítimos do persoal do sector da construción en Pontevedra e do seu empresariado”, afirma.
Como consecuencia desta situación, que cualifica de “vergoñenta” algúns dereitos e melloras significativas pactados no convenio tras arduas negociacións que redundaran en acordos proveitosos tanto para as empresas coma para as traballadoras e os traballadores da construción de Pontevedra quedan provisionalmente en cuestión.
A CIG recorrerá a sentenza
A federación de Construción incide no “provisionalmente” porque “esta intromisión inaceptábel dos axentes estatais no marco negociador máis próximo ao conxunto da clase traballadora vai ser oportunamente contestada coa máxima contundencia” desde a CIG quen, lembran, “demostrou de novo ser a única central que defende os intereses da clase traballadora galega”.
Por iso advirten que “non imos consentir ningún intento de deixar sen efecto o que temos acordado no convenio provincial de Pontevedra” e anuncian que se recorrerá a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que estima parcialmente a impugnación, pois “vén lexitimar un auténtico atentado contra a negociación colectiva e senta un precedente moi negativo que poderá ser tomado como referencia no futuro”.
Xunto a isto anuncian a posta en marcha dunha campaña destinada a sensibilizar e mobilizar á clase traballadora galega “contra este ataque dirixido desde Madrid contra os seus intereses, mais tamén para que o empresariado reaxa contra unha patronal estatal que os menospreza e ningunea até tal punto de torpedear as súas propias decisións”.
Xunto a isto fan un chamamento a actuar fronte a isto. “Cremos que a gravidade do acontecido sobrepasa o ámbito da nosa central e que merece a reacción de todos os axentes implicados na negociación colectiva, pois axiña poderán ser tamén vítimas deste ataque sen precedentes”.
Entenden que “uns e outros xogámonos moito máis que nun convenio provincial prevalezan ou non uns dereitos concretos: xogámonos que o que poida acontecer no Convenio da Construción de Pontevedra lles poida servir de modelo experimental do que ir facendo no futuro noutros convenios, no seu claro obxectivo de ir demolendo progresivamente o marco negociador provincial, que non casualmente é o máis saudábel, transparente e lexítimo, en beneficio dun marco negociador estatal viciado, opaco e corrupto co que seguir a facer negocio a conta do pacto social e do roubo dos dereitos laborais adquiridos durante anos e décadas de loita obreira”.