CIG chama a secundar a manifestación en defensa do sector do Mar, por unha nova política pesqueira e contra a Lei de Acuicultura
Xavier Aboi, responsábel do sector do Mar da FGAMT-CIG, explica que a Lei de Acuicultura do PP, pretendía privatizar as nosas rías e poñelas ao dispor dos intereses das multinacionais. Ao seu entender “foi a presión de todo o sector do mexillón, da baixura e do marisqueo, o que fixo á conselleira ver as orellas ao lobo”.
En todo caso, para Aboi é imprescindíbel saír en defensa do sector do Mar, porque levamos desde a entrada do Estado español na UE, “sufrindo o seu desmantelamento constante, malia ter un enorme potencial para a nosa economía, para a creación de emprego e para favorecer o asentamento de poboación no territorio”.
O responsábel do sector do Mar da CIG entende que, mentres calquera país normal tería favorecido o seu desenvolvemento, aquí “fíxose todo o contrario”, porque se negociou como prioridade o arco Mediterráneo.
Aboi denuncia que se segue a manter o principio de Estabilidade Relativa, que significa que as regras de xogo que se ditaron na entrada da UE seguen inamovíbeis. “Polo tanto, dáse o paradoxo de que hai países europeos que non pescan nin a décima parte da súa cota e se dedican a cambiala en función dos seus intereses”.
Neste sentido explica que hai ducias de toneladas de peixe para consumo humano que podería pescar a flota galega para facela moito máis rendíbel, pero que non pode. “Temos os barcos, pero non nos deixan pescar, a pesar de pasar a xarda ou a anchoa por diante das nosas costas”, asegura e engade que “mentres, Alemaña con 4 barcos ten tres veces máis cota ca nós”.
Segundo Aboi isto mesmo ocorre coa volanta , co arrastre, co cerco, coa baixura… “Entre mentres entran terceiros países en Europa sen controis sanitarios, como si se fai cos produtos galegos, que sofren inspeccións salvaxes, ao tempo que se criminaliza a nosa flota e os nosos tripulantes”, afirma.
O responsábel do sector do Mar denuncia ademais que se está canalizando o sector cara as cotas individuais, o que ao seu entender é “privatizar o mar e facer que grandes inversores compren cota de pesca e despois a vendan”.
Xunto a isto, Aboi denuncia a política de despeces á que se aboca á flota galega con porto base en Galiza ou con capital galego. Unha política na que van gastados xa máis cartos dos que suman os orzamentos da Xunta e que, segundo os seus cálculos supera o millón de euros.
A este respecto lembra a flota que faenaba no banco canario-sahariano ou en Mauritania, onde “chegamos a ter máis de 250 barcos dos cales hoxe hai 230 despezados”. O mesmo que ocorreu coa cota do Gran Sol, onde “tivemos a famosa flota dos 300 hoxe igual chegan aos 60”, di.
Estas son, segundo Xavier Aboi, algunhas d as razóns polas cales a CIG chama a saír á rúa “por unha nova política pesqueira, en defensa do sector do Mar, contra a Lei de Acuicultura e porque queremos seguir vivindo do Mar”.