CIG, CIC, CGT, ELA e LAB rexeitan o falso rexistro de xornada proposto pola patronal do sector de Banca
Os sindicatos que forman parte das Mesas Negociadoras dos dous convenios colectivos no sector da Banca, bancos AEB (CGT, CIG,ELA e LAB) e bancos CECA (CIC e CIG) veñen de emitir un comunicado conxunto no que fan un chamamento a manter unha posición unitaria e trasladan ao persoal e ao conxunto da sociedade “o noso temor ante a posible irresponsabilidade de que CCOO, FINE e UGT acepten o modelo de rexistro de xornada proposto polos bancos”.
Denuncian que se trata dun modelo que desmantela, de facto, o rexistro de xornada de obrigado cumprimento para as empresas, conforme o RD Lei 8/2019, sentando un precedente, xa non só para todo o sector financeiro, senón tamén para o conxunto das empresas. “O modelo proposto pretende formalmente cumprir coa lei, pero deixa nas mans do traballador ou traballadora rexistrar a hora de entrada e saída, eludindo así un rexistro real e automático da xornada laboral”, advirten.
Fronte a isto, para estas organizacións sindicais o sistema debe ser, como mínimo, universal e aplicable a todo o cadro do persoal; inalterable; automático, informático e non “autodeclarativo” e recoller claramente o tempo dedicado á saúde, ao descanso, á formación ou ás citas médicas, entre outros.
Ademais aclaran que as horas extraordinarias (para establecer a súa compensación e cotización á Seguridade Social) son as que superen a xornada ordinaria de cada persoa, definida no Convenio Colectivo ou nos Acordos de Empresa e non, como pretende a patronal, aquelas que unicamente superen a xornada máxima en cómputo anual que se establece no convenio colectivo.
Demanda xunto a isto, que se establezan medidas que impidan as previsibles presións para evitar o sistema.
O sector financeiro un dos líderes na fraude á Seguridade Social
Lembran que as estatísticas oficiais recollen de xeito recorrente que o sector financeiro é un dos que lidera a fraude das horas extraordinarias non pagadas. “Os grandes bancos, que teñen beneficios multimillonarios, non están pagando, nin cotizando á Seguridade Social as horas extraordinarias que realizan as traballadoras e traballadores, mentres se debate a viabilidade do sistema público de pensións e se recortan as pensións dos nosos maiores”, denuncian.
Advirten, ante isto, que nos vindeiros meses, e sen perspectiva de cambio, os cadros de persoal das entidades serán os prexudicados pola situación actual e denuncian que “continuará así o proceso de destrución de emprego”, sen desbotar novos procesos de fusións.
Neste sentido alertan de que os cadros de persoal, xa sobrecargados de traballo, “reduciranse de novo destruíndo milleiros de postos de traballo”; que o mantemento da política do BCE impactará nas contas de resultados, polo que “os bancos buscarán a rendibilidade a través do incremento dos cobros de comisións pola colocación de produtos financeiros de terceiro, o que desde o punto de vista dos cadros de persoal levará a un incremento dos obxectivos comerciais e a presión para conseguilos”.
Este escenario anticipa, ao seu entender, un incremento das horas extraordinarias, derivadas da carga de traballo, do incremento dos obxectivos e das presións empresariais para que se realicen.
Indican ademais que o que era un problema para as empresas defraudadoras pode converterse nun problema para os traballadores e traballadoras. Nese sentido apuntan que se traballarán máis horas das establecidas, rexistrarase só o horario teórico e, ao final de ano, os bancos poderán dicir que non se cumpriu a xornada mínima anual (que e superior á suma dos horarios).
Por iso diríxense ás bases de CCOO, FINE e UGT, ás súas afiliadas e afiliados, para que presionen ás cúpulas sindicais para que non cedan ás pretensións da patronal.