CIG, CCOO e UGT denuncian a parálise na negociación do convenio de ximnasios e instalacións deportivas polo bloqueo patronal
Entre as demandas da parte social inclúese unha suba salarial, “xa que os salarios neste sector son moi cativos e prodúcese un desgaste físico continuo”. Ademais, engaden, as traballadoras e traballadores teñen que asumir grandes responsabilidades, especialmente no caso do persoal que presta servizos nas piscinas.
Así mesmo, pídese regular os tempos parciais para que o persoal que teña este tipo de xornada teña preferencia á hora de ampliar o seu contrato de traballo. Deste xeito, subliñaron na comparecencia, “aumentaríase a estabilidade laboral e facilitaríase a conciliación da vida laboral e familiar. Neste punto, a representación sindical destacou que a maioría dos/as traballadores/as do sector están contratados/as a tempo parcial.
Regular a figura do/a socorrista
Outra das principais reivindicacións do colectivo refírese á regulación da figura do socorrista, outorgándolle funcións exclusivas. “Dende as centrais sindicais temos coñecemento que hai instalacións onde o socorrista simultanea as súas funcións con outras, principalmente a de monitor, deixando de atender ao 100% as funcións de vixilancia”, denuncian. Esta diversidade de tarefas supón un risco tanto para os e as usuarias da piscina, alén de supor unha gran responsabilidade para o/a socorrista.
A este respecto, a representación social mantivo o pasado luns unha xuntanza coa Consellería de Sanidade, responsable da vixilancia de que se cumpra a normativa nas piscinas, “aclarándonos que o socorrista ten que facer as súas funcións en exclusiva, non podendo simultanealas con outras”.
Dende as centrais sindicais teñen pedido xuntanzas cos concello onde hai instalacións deportivas para informarlles do que está a pasar e indicarlle que son os propios concellos os responsables últimos do que ocorra nas piscinas, como titulares das concesións.
Cambio de actitude
Finalmente, as centrais sindicais e os delegados e delegadas de persoal solicitaron un cambio de actitude á patronal AXIDEGA “para que atenda as nosas xustas reivindicacións, dignificando un sector que ten unha gran aceptación social” tal e como se demostrou na folga levada a cabo no ano 2010 e que durou 36 días.
De non ser producírense avances, o persoal adoptará todas as medidas que sexan precisas para “propiciar que a patronal mude a súa postura inmobilista”.