CIG, CCOO e UGT convocan unha gran manifestación para esixir unha solución industrial para Alu Ibérica
As organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT anunciaron a convocatoria dunha gran manifestación o sábado 27 de marzo na Coruña, para esixir unha solución industrial que garanta a actividade produtiva e o mantemento dos postos de traballo na fábrica de aluminio, e para demandar o cese da represión sindical exercida por Alu Ibérica. O anuncio fíxose no marco da concentración realizada este venres ás portas do edificio da antiga Audiencia Provincial, coincidindo coa celebración do xuízo por vulneración da liberdade sindical contra a empresa pola súa actuación antisindical durante a folga que o persoal ten vixente dende o 26 de decembro.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salientou que con esta concentración ábrese un período de mobilizacións conxuntas para esixir unha solución industrial para á fábrica da Coruña, que terá como punto central esa gran manifestación do día 27. Unha mobilización na para reclamar as administracións "que máis ten que pasar para que, por fin, se busque unha solución", que pasa inevitabelmente por unha intervención pública "que remate con esta tortura á que están sometidos os traballadores e traballadoras ante unha empresa que actúa con total impunidade violentando os seus dereitos e despedindo a membros do comité".
Inacción dos gobernos
A este respecto, criticou que o goberno, coa súa inacción, consinta na "actuación brutal" da dirección da empresa reprimindo e atentando contra os dereitos do persoal, non só no relativo á garantía de emprego e á continuidade dos postos, senón tamén utilizando a persecución "como camiño para acalar a quen está facendo valer ese compromiso incumprido por parte das administracións para dar unha solución que ten que supor o arranque das series de electrólise".
O secretario xeral da CIG puxo o acento na responsabilidade que "neste desastre e fracaso industrial" teñen tanto de Alcoa, Parter e o Grupo Riesgo (actual propietario), como os gobernos español e galego "que non atenden as chamadas para dar unha saída de futuro á factoría".
Contra atrás para a garantía de emprego
Carril lembrou que restan apenas cinco meses para que rematen as garantías de emprego establecidas no acordo de venda "e nós non imos permitir que estes cinco meses sexan un calvario, senón ao contrario. Neste tempo imos demostrar que a unidade sindical, dende a mobilización, é a que vai conseguir esa solución industrial".
Por iso, Paulo Carril aseverou que "por moito que teñamos que acudir ao xulgado e enfrontar o despedimento do presidente, do vicepresidente e de varios membros do comité de empresa; esta loita non nos vai despistar nin desviar da atención fundamental que é esixir esa saída que garanta a actividade produtiva e o mantemento dos postos de traballo na fábrica de aluminio da Coruña".