CIG, CCOO e UGT anuncian mobilizacións no sector de carpintaría e ebanistaría da provincia da Coruña
Representantes da CIG, CCOO e UGT compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar o calendario de mobilizacións, a primeira o vindeiro día 27 de abril, para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo e o mantemento do poder adquisitivo dos salarios.
Neste sentido, o representante da CIG, Eduardo Sebio, explicou que o convenio está caducado desde o ano 2019. Isto supón que “os traballadores veñen, desde aquela, perdendo poder adquisitivo. Unha situación que xa era grave até o de agora, e que empeorou coa descontrolada suba da inflación”.
O representante da CIG denunciou que, porén, “o que a patronal nos ofrece, lonxe de permitir recuperar o poder adquisitivo, supón unha perda porque para o ano 2021, no que a inflación foi do 6,5 a patronal ofrece o 3,1 pero só pagaría atrasos até o 1,5%. Para 2022 ofrece o 3%, cunha revisión salarial, se o IPC supera o 3%, de como máximo un 1% máis, sen atrasos. E para os anos 2023 e 2024 o 1,5% con revisión salarial se o IPC supera esa porcentaxe, pero cun tope do 1,5% máis, sen atrasos”.
Esta situación, advertiu Sebio, vai provocar un empobrecemento das traballadoras e traballadores porque “ao non subir o IPC real cada ano, só no ano 2021 perderiamos xa o 3,4% e no resto dos anos, ao topar a revisión salarial sen xerar atrasos, impiden que se recupere o poder adquisitivo perdido”.
Creación dun plus de quendas
As centrais sindicais reclaman, ademais, a creación dun plus de quendas de 150 euros mensuais e denuncian que “a patronal segue a negarnos ambas as dúas demandas, a revisión salarial con atrasos e máis este plus” co que hai unha situación de bloqueo na negociación do convenio.
Eduardo Sebio entende que esta situación non ten xustificación algunha, porque a carga de traballo que teñen estas empresas é tal que non dan atendido os pedidos. “Polo tanto seguen aumentando os seus beneficios mentres os traballadores e traballadoras teñen conxelados os seus salarios desde o ano 2019”.
“O persoal está sufrindo o aumento dos prezos dos bens imprescindibles de primeira necesidade como alimentación, combustible, enerxía”, dixo. Por iso a parte sindical acordou por unanimidade facer unha campaña de información, asembleas e mobilizacións entre o persoal do sector para dar a coñecer esta situación de bloqueo na mesa negociadora e convocar mobilizacións.
Ademais as tres centrais sindicais comprometéronse a non asinar o convenio se non se garante o poder adquisitivo dos salarios dos aproximadamente 5.300 traballadores e traballadoras atinxidos por este convenio, que representan o 60% de todo o persoal do sector en Galiza; se establece un plus de quendas, como existe xa noutros convenios, e se regulan as condicións do persoal que ten que desprazarse a montar as tendas de Inditex en diferentes lugares do mundo.
Calendario de mobilizacións
A primeira mobilización está prevista para o día 27 de abril precisamente diante de INDITEX, no Polígono de Sabón, xa que moitas destas empresas son contratas e subcontratas da multinacional, que é o seu principal cliente.
O 11 de maio concentraranse diante da empresa MALASA en Cerceda; o 25 de maio diante da empresa Ramón García, en Ordes; o 8 de xuño diante de Cándido Hermida, en Cedeira e o 22 de xuño en Santos en Camporrapado, no concello de Boqueixón.
As organizacións sindicais adiantaron ademais que non descartan convocar folga se non se atenden as súas demandas.