CIG, CCOO e CSIF solicitan a convocatoria da Comisión de Plan de Igualdade da Deputación de Lugo ante as actitudes da UGT
A representación da CIG, CCOO e CSIF (que ostentan a maioría da representación) na Deputación de Lugo veñen de emitir un comunicado público para denunciar e rexeitar a postura que mantén a UGT na administración provincial "dando amparo a actitudes intimidatorias de presunto acoso e ataques á dignidade de traballadoras/es desta institución por parte de algún dos seus representantes sindicais".
Rexeitan que por parte do sindicato UGT "non só non se condenan estes actos, senón que apoia e ampara a quen presuntamente os comete".
A pasada semana, os delegados e delegadas de CIG, CCOO e CSIF solicitaron unha reunión de carácter urxente da Xunta de Persoal pero o presidente deste órgano de representación (do sindicato UGT) "nin sequera se molestou en convocar esta reunión, dando amparo deste xeito a estas actitudes".
"Entendemos que o Goberno provincial tamén é responsábel xa que este mesmo representante da UGT protagonizou feitos similares no pasado, dos que a administración ten constancia e non tomou ningunha determinación ao respecto". Por iso, as tres centrais veñen de solicitarlle á Deputación que se convoque a Comisión do Plan de Igualdade "para tratar estes asuntos que consideremos que son moi graves".
Por parte de CCOO, CSIF e CIG reiteran a condena rotunda "a estas actitudes de representantes de UGT coa gravidade destes feitos".