CIG-Bosch entrega 1.000 sinaturas en apoio á ILP polos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico
A Sección Sindical da CIG en Bosch entregou as 1.00 sinaturas recollidas entre as traballadoras e os traballadores desta empresa, en apoio á ILP que a Mesa pola Normalización Lingüística promove en defensa dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico. Unha iniciativa a través da que se reclama a garantía do exercicio do dereito á información e á atención en galego. As sinaturas foron entregadas no marco da rolda de prensa que a CIG e a Mesa ofreceron de xeito conxunto este venres en Vigo.
Na mesma, a responsábel do sector dos centros de chamadas da CIG, Laura Pérez Figueroa, xunto con representantes da CIG no Comité de empresa de Bosch (a maior empresa de telemárketing de Galiza), destacou que a defensa da atención telefónica no noso idioma é tamén fonte de xeración de emprego na Galiza.
Pérez puxo en valor a ILP promovida pola Mesa por defender os nosos dereitos lingüísticos máis tamén porque "a nivel do sector dos centros de chamadas, se a xente demanda atención en galego, isto xeraría postos de traballo no noso país". Sinalou que na plataforma de Bosch nestes momentos hai 2.200 traballadoras e traballadores, "pero habería máis emprego se a clientela pedira atención en galego".
Neste senso, referiuse á falta de estabilidade no emprego neste sector debido ás deslocalizacións e aos continuados cambios entre plataformas que as empresas principais adoitan facer cos servizos subcontratados. Así, engadiu, hai pouco tempo Vodafone retirou un servizo comercial no que estaban destinadas 264 persoas (que foron recolocadas dentro de Bosch), para levalo a outra plataforma fóra de Galiza. "Se as e os clientes, cando chaman ao servizo ou reciben unha chamada comercial, demandaran atención en galego, este servizo tería que quedar no noso país. É importante que a xente se dea conta deste feito", aseverou.
Máis de 20.000 sinaturas recollidas
Pola súa banda, Marcos Maceira, Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, salientou a enorme aceptación que está tendo a campaña en defensa dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, para a cal xa se recolleron máis de 20.000 sinaturas (para que a ILP sexa debatida no Parlamento galego precísanse un mímino de 10.000).
Maceira lembrou que, no ámbito das relacións comerciais, hai máis de 500 disposicións legais que regulan a garantía de utilizar e recibir información en español, mais pola contra, o galego só conta con media ducia de disposicións legais "que nin sequera se cumpren e fan que o galego non sexa unha opción".
"Se o galego fora unha opción manteríanse postos de traballo e as/os consumidoras/es teríamos dereito a que a nosa lingua estivera perfectamente visíbel en todos os ámbitos, a utilizala alá onde vaiamos e tamén o empresariado tería dereito a etiquetar e dar información sobre os seus produtos en galego. Esas tres cousas non acontecen agora mesmo, e a través da ILP tamén estamos dando a coñecer este feito", afirmou.
A Mesa continuará durante todo agosto coa campaña e agarda superar as 25.000 sinaturas, que serán rexistradas no Parlamento a finais de setembro. "Sexa aprobada ou non a ILP, queda demostrada que hai unha cantidade enorme de galegos e galegas que quere que a nosa lingua estea presente, que sexa unha opción sempre e en todo lugar", aseverou Maceira.
O Presidente da Mesa considerou que esta iniciativa animará a moitas empresas "a comezar a dar pasos a favor da normalización da lingua galega. En todo caso, matizou, entendemos que a Xunta de Galiza é a primeira que debe actuar porque ten as ferramentas legais para facelo".