CIG-Banca presenta recurso contra a guía da CNMV que desprotexe a clientela e ataca a normativa laboral
A Comisón Nacional do Mercado de Valores (CNMV) aprobou recentemente a “Guía Técnica 4/2017, de 27 de xuño, para a avaliación dos coñecementos e competencias do persoal que informa e asesora”. A CIG vén de presentar un recurso contra a aprobación deste documento, toda vez que entende que desprotexe a clientela, dá atribucións ás entidades financeiras para invalidar titulacións públicas, vulnera o Estatuto dos Traballadores/as e invalida os convenios colectivos vixentes.
Dende a Federación de Banca da CIG explican que a Directiva da Unión Europea 2014/65, coñecida como MIFID II, ten como obxectivo a protección da clientela das entidades financeiras. Porén, malia os sucesivos escándalos acontecidos neste sector, o Goberno español, que debería ter adaptado esa lexislación de 2014, aínda non o fixo. Para a CIG-Banca isto é "unha mostra do desleixo pola protección da clientela por parte do Goberno do Partido Popular".
Recentemente, a CNMV aprobou a Guía Técnica 4/2017 que, para a CIG é contraria á protección da clientela establecida na MIFID II, facilitando ás entidades financeiras unhas atribucións inéditas.
Por iso, a central presentou un recurso de interposición, que se fundamenta nas seguintes cuestións:
1. A guía é ilegal ao incluír nela o persoal que ten obxectivos comerciais, malia a prohibición expresa contida na MIFID II. A MIFID prohibe que quen asesora ou informa sobre produtos complexos perciba remuneracións ou teña obxectivos de vendas que podan constituír un incentivo para colocar un determinado produto.
2. Serán as entidades financeiras as que decidan as titulacións ou certificacións válidas para “asesorar” ou “informar” a clientela, podendo incluso desbotar titulacións públicas (títulos universitarios, acreditacións profesionais, etc). Pero valida un modelo denominado "de certificadoras", que son asociacións postas en marcha polos propios bancos e das que son socios.
É dicir, non haberá un control público sobre a formación que reciben os traballadores e traballadoras que asesoren ou informen a clientela. Atribuíndo ademais as competencias aos propios bancos, a CNMV vulnera o establecido no Estatuto dos Traballadores/as, que considera no seu artigo 23 que o exercicio do dereito á formación se estableza mediante a negociación colectiva. Neste senso, dende CIG-Banca apóstase pola formación pública.
3. A guía tamén dá potestade aos bancos para establecer unha clasificación profesional, decidindo que persoal realiza as funcións de “asesorar” ou de “informar” a clientela. O ET establece, no seu artigo 22, que a clasificación profesional debe ser negociada colectivamente. Deste xeito a CNMV invalida a clasificación profesional pactada nos convenios colectivos vixentes, validados pola autoridade laboral competente e publicados no BOE.
4. A guía foi aprobada no Consello Consultivo, no que están presentes os propios bancos e incluso, como representante dos/as profesionais do sector, figura o responsábel de EFPA, unha certificadora da que son socios os maiores bancos do Estado. A este respecto, a CIG entende que existe un claro conflito de intereses, xa que son entidades directamente afectadas pola norma.
Por todo isto, dende a CIG Banca agardan a contestación da CNMV, "pero estamos dispostos a chegar até o final. Faremos fronte a unha guía que invalida totalmente a protección á clientela que persegue a MIFID II, sobrecargando os traballadores e traballadoras cunha formación totalmente inútil, que carece do máis mínimo rigor pedagóxico".