CIG-Banca non asina o convenio de Aforro porque nin garante o poder adquisitivo, nin avanza en dereitos
A CIG-Banca denuncia que o novo convenio de Aforro “nin garante o poder adquisitivo, nin avanza en dereitos”, consolidando os recortes de anos anteriores, malia o sector ter acumulado “beneficios millonarios” nos últimos anos. Por iso non asinou o texto definitivo, presentado o pasado día 18 de abril, na xuntanza da mesa negociadora.
A CIG-Banca asegura que cos incrementos salariais contemplados no texto do novo convenio non se recupera o poder adquisitivo perdido. “A maior fonte de recorte salarial foron os Convenios Colectivos de Aforro, segundo os datos que os sindicatos asinantes expuxeron ao inicio da negociación” e o novo convenio “consolida a perda en táboas”.
Período |
Suba acumulada |
IPC acumulado |
Perda |
2010-2023 |
5,1% |
27,8% |
22,7% |
Subas insuficientes para 2024-2026
Establécese unha suba do 5% para 2024 (o IPC galego xa está no 3,5%), 3% para 2025 e 3% para 2026. A este respecto, a CIG-Banca sinala que “malia as perdas dos convenios anteriores, por non ter cláusula de revisión anual vinculada ao IPC, seguen sen incluíla. Establecen unha ao final do texto do convenio e topada”.
Sinala que dan un pago único de 1.000 euros a cambio de eliminar as pagas ROE. Xunto a isto, “non se actualiza a quilometraxe, nin as axudas de gardería, nin as de formación fillos/as, nin as de formación empregados/as. E manteñen o recorte no cálculo dos trienios”.
Múltiples horarios
Para evitar a guerra de horarios, que prexudica ao persoal, a CIG defendía un horario xeral que fose de aplicación en todo o sector, xa que cada empresa ten múltiples horarios. Porén, “non haberá un horario único sectorial, nin se reduce a xornada en pleno debate político ao respecto”.
Non se pon freo á presión comercial
Todos os bancos alegan, segundo a federación de banca, a dura competencia para xustificar a presión comercial desmedida. Por iso entende que o lóxico sería que as medidas para poñer coto á presión deberían ser abordadas a nivel sectorial. Pero tampouco sobre esta cuestión se recolle unha soa medida”.
Por iso a CIG-Banca denuncia que “malia os beneficios históricos, consolidan recortes anteriores, recortan quilometraxe ou axudas de estudos, non hai un horario único, nin medidas contra a presión comercial”.
Abanca
Fronte a isto, a CIG-Banca apunta que, no caso concreto de Abanca, logo da folga convocada pola CIG e ASCA o 11 de xaneiro, o banco subiu os salarios un 8%, abrindo un proceso de negociación coa representación sindical, na que o sindicato nacionalista reivindica subas adicionais para o 2025 e 2026, uns novos horarios (actualmente os máis amplos do sector) e o fin da presión comercial. Ao longo deste mes de abril e do mes de maio están convocadas asembleas de traballadores/as por toda Galiza para analizar a negociación con Abanca e posibles medidas de presión.