CIG-Banca mobilízase contra o ERE do Santander e os abusos laborais no BBVA
Delegados e delegadas da CIG-Banca realizaron este luns unha xornada de mobilizacións na Coruña en rexeitamento ao ERE de extinción presentado polo Banco Santander -que suporá o peche de 135 oficinas e a destrución de 271 postos de traballo en Galiza- e en protesta contra os continuos abusos e os incumprimentos laborais no BBVA.
A primeira concentración comezou ás 10:45 horas diante da oficina principal do Banco Santander no Cantón Grande, onde se puideron escoitar consignas a prol do mantemento do emprego e por unhas condicións laborais dignas. Dende a sección sindical da CIG subliñan que Galiza é un dos territorios de maior afectación do ERE, ao pecharse o 33% da rede actual de oficinas e destruírse todos os postos de traballo destas.
A respecto, Rosa Conde, secretaria da sección sindical da CIG, denuncia que ao mesmo tempo que se está a negociar o expediente de extinción, o Banco Santader cubre postos estruturais con persoal de ETT. Por iso, engade, "reclamamos un pacto de prexubilacións no que se teña en conta tamén un acordo de cobertura de vacantes na rede comercial, que neste momento está sobresaturada. Non queremos un acordo no que se lle facilite ao banco liberdade para despedir á carta, dándolle ao proceso unha falsa aparencia de voluntariedade".
Conde insiste en que a voluntariedade do ERE non existe, xa que os criterios de selección son marcados pola entidade. "Na ultima reunión, o banco anunciou que a súa previsión é que un 60% dos despedimentos sexa de persoal de 52 anos ou máis e o restante 40% de traballadoras/es de 51 anos ou menos. A voluntariedade da que tanto falan como criterio prioritario para saír do banco é unha falacia, porque ao final vai ser a entidade quen teñan a potestade de rexeitar ou admitir as solicitudes de adhesión".
Xunto a isto, Conde matiza que tampouco é certo que o Santander reducira o número de persoas inicialmente afectadas polo expediente, senón que ao longo do último trimestre houbo saídas "que xa reduciron o cadro de persoal na cantidade prevista. É dicir, a destrución de postos de traballo segue sendo a mesma".
Afondar na precarización do emprego
Nesta liña, a representante sindical engade que a situación da rede de oficinas non xustifica en absoluto esta brutal redución de emprego. Actualmente xa existe unha sobrecarga de traballo, o que leva a facer continuos excesos de xornada, pero o Santander, ao igual que o resto do sector financeiro, aínda non ten implantado un sistema de rexistro de xornada tal e como obriga a lei dende o 12 de maio. "Este novo recorte de persoal xunto aos obxectivos comerciais desmesurados e crecentes, agravarán a situación, xa de por si moi deteriorada, e incidirán negativamente na saúde das persoas que traballan na rede comercial e na calidade do servizo á clientela", advirte.
Rosa Conde criticou que a reestruturación proposta polo Banco Santander supón, ademais da perda de numerosos postos de traballo, afondar na precarización do emprego no sector, transformando parte das oficinas que se pechan en "zxencias colaboradoras", xestionadas por persoas autónomas vinculadas ao Banco Santander cun contrato mercantil, pero facendo o mesmo traballo que o persoal das oficinas. "Fronte a avaricia desmedida, a única xustificación real de tanto ERE, a CIG defenderá todos e cada un dos postos de traballo", concluíu.
Obxectivos abusivos, exceso de xornada e discriminacións no BBVA
Ao remate da mobilización diante do Santander, as delegadas e os delegados da CIG trasladaron a protesta á Dirección Territorial Noroeste do BBVA para amosar o rexeitamento aos continuos abusos e incumprimentos da entidade, que impón obxectivos comerciais crecentes, mesmo de produtos complexos como fondos de inversións ou depósitos estruturados, sobre os que a MIFID prohibe establecer obxectivos. Esta carga de traballo, denuncia Miguel Fernández, secretario da sección sindical da CIG, "resulta imposíbel de acadar dentro da xornada laboral e ademais, o banco aplica asfixiantes medidas de presión e seguimentos sobre os traballadores e as traballadoras, con constantes amezas e mesmo chegando a despedir a quen non os cumpre".
Xunto a isto, engade, estase obrigando verbalmente a que as ventas á clientela presencial sexan culminadas de xeito dixital, malia isto ser unha práctica contraria ao "Protocolo de Dixitalización" do BBVA e "desprezando absolutamente a profesionalidade dos traballadores e traballadoras".
Deste xeito, prodúcese unha extensión ilegal xeneralizada da xornada laboral, pero o BBVA "nin paga nin cotiza á Seguridade Social as horas extraordinarias". Tal e como acontece no resto do sector, alerta Fernández, o BBVA aínda no puxo en marcha un sistema de rexistro de xornada "para poder continuar así con esta fraude. Ademais, o BBVA tampouco garante o dereito á desconexión dixital, prevista na Lei de Protección de Datos, que tampouco estableceu para así seguir defraudando".
As traballadoras cobran un 30% menos que os seus compañeiros
Alén das demandas pola sobrecarga de traballo e a prolongación indebida da xornada, con esta protesta a CIG demanda que se poña fin á discriminación salarial que sofren as traballadoras no BBVA, pois facendo o mesmo traballo e tendo as mesmas formacións e funcións, "cobran un 30% menos que os seus compañeiros (até 17.116 euros ao ano)". O representante sindical explicou que esta fenda foi detectada tras analizar os últimos datos salariais do BBVA. "Sabíamos que existía discriminación salarial pero non que fora tan brutal. E non hai que perder de vista que grazas á esta discriminación das mulleres, o BBVA obtivo 213 millóns de euros de beneficios en 2018, que foron parar ao peto dos directivos e dos accionistas".
Fronte a isto, a sección sindical da CIG reclama como "absolutamente imprescindíbel" iniciar a negociación dun novo plan de igualdade no BBVA (o vixente ten máis de nove anos, está completamente obsoleto e resulta ineficaz) que remate con esta discriminación escandalosa das mulleres.