CIG-Banca: “Estamos diante das condicións para unha nova tormenta perfecta como ocorreu coas preferentes”
Unha representación da CIG-Banca de distintas entidades financeiras reuniuse esta mañá cos grupos parlamentarios do BNG e En Marea para poñer no seu coñecemento as agresivas políticas comerciais que utilizan estas entidades para colocar á clientela produtos financeiros e a falta de control, por parte da Comisión Nacional do Mercado de Valores, sobre estas prácticas. A CIG-Banca demandou ademais a presentación de propostas para que se articulen medidas de protección ás/aos consumidores, ao que se comprometeron tanto o BNG como En Marea.
Clodomiro Montero, secretario nacional da CIG-Banca, explicou que con estas xuntanzas o que se quere é “dar un sinal de alarma do que está a acontecer no sistema financeiro e demandar do poder político medidas para frealo”.
Queremos dar un sinal de alarma do que está a acontecer no sistema financeiro e demandar do poder político medidas para frealo
Montero lembrou que xa hai experiencia por unha “mala praxe comercial”, na colocación de produtos como as preferentes e obrigas subordinadas ou cláusulas chan, entre outras, e que a raíz de todos estes escándalos a autoridade de mercados europea (ESMA) puxo en marcha unha serie de medidas que “teñen como obxectivo aparente salvagardar os intereses da clientela fronte a colocación de produtos por parte da gran banca”.
Explicou que como agora os tipos de interese son negativos as direccións das entidades están á procura de rendibilidade e que isto coincide cun momento no que se está transformando o sistema financeiro, pasando dun modelo no que se dá servizo á clientela para ir a un sistema financeiro que coloca produtos propios ou de terceiros ao cliente para conseguir os seus beneficios das comisións que cobra, precisamente, pola colocación deses produtos.
“Iso é o que a ESMA trata de regular”, afirmou engadindo que, porén, desde a CNMV “o certo é que non se fixo nada até o de agora”.
A este respecto subliñou que esa normativa europea tiña que ter sido transposta á normativa do estado español pero que lonxe de avanzar nese camiño avanzouse na liña contraria. Neste sentido, denunciou a “total colaboración, con submisión ao poder, da grande banca”.
Ademais indicou que as propias direccións das entidades saben que a clientela que ten uns pequenos aforros, en moitos casos derivados do traballo de toda unha vida, nestes momentos atópase con que os depósitos clásicos teñen unha rendibilidade moi baixa. Por iso “é máis proclive a asumir indicacións para derivar os seus aforros cara outro tipo de produtos”.
Son as direccións dos bancos as que demandan políticas comerciais moi agresivas co seu persoal para que se coloquen esa clase de produtos
Xunto a isto asegurou que non é a clientela quen demanda depósitos deste tipo. “Son as direccións dos bancos as que demandan políticas comerciais moi agresivas co seu persoal para que se coloquen esa clase de produtos”.
Montero advertiu que ese tipo de produtos “están mal etiquetados por parte da CNMV. Son produtos que nós entendemos que son de risco. Calquera fondo de investimento, calquera depósito estruturado ten un risco para o propio capital e ademais non están acollidos no Fondo de garantía de Depósitos”.
Polo tanto, afirmou “a CNMV permite que os bancos cualifiquen ese tipo de produtos cun 1 sobre 6, como un produto neutro, sen ningún tipo de risco, cando non é certo, e nós pensamos que a cualificación de produtos por parte da CNMV debera ser moito máis estrita”.
Presión sobre o persoal das entidades
O secretario nacional da CIG-Banca denunciou que quen ten a obriga de presentar ese tipo de produtos son traballadores e traballadoras das entidades financeiras que hoxe ademais están vivindo procesos de restruturación. “A maior parte das entidades teñen nestes momentos expedientes de despedimentos colectivos en marcha”, dixo, e “un traballador non percibe un incentivo por colocar ese produto, senón que se arrisca ao seu despedimento se non o coloca. Polo tanto estamos diante das condicións para unha nova tormenta perfecta como ocorreu coas preferentes”.
Neste sentido, explicou que o traballador ou traballadora, non só ten que colocar un produto, senón que ademais é “quen ten que facer o test ao cliente ou clienta para ver se ese produto é apto para esa persoa o cal é unha clara contradición”. Por iso, para a CIG-Banca quen ten que asumir esa responsabilidade é a CNMV, que “debería sacar unha normativa para distinguilo claramente”.
Unha normativa que o secretario nacional da CIG-Banca entende que debe definir que tramo de cliente é, que características ten e que produtos se lle poden colocar, ou non, e que mesmo o cambiar de tramo por parte do cliente no poida ser percibido ou analizado por parte dun traballador que ten a obriga de colocar produtos, senón por parte dunha administración pública”.
Fronte a isto, explicou que vén de nomearse un novo presidente da CNMV, que hai que refacer todo o órgano consultivo e que á “aí é onde hai que abrir un debate político”.
A CNMV está orientada a garantir os intereses dos bancos e das firmas de inversión e non os da clientela
A este respecto explicou que, até o de agora, na CNMV hai representación tanto das empresas como dos propios inversores, pero só hai unha persoa en representación dos consumidores e non están sequera os sindicatos. “Están os donos de empresas de inversión”, por iso, engadiu “pensamos que a CNMV está orientada a garantir os intereses dos bancos e das firmas de inversión e non os da clientela”.
Novo caso Bankia
Montero tamén fixo referencia, a modo de exemplo, a información recén publicada segundo a que a CNMV está investigando as vendas á baixa do Banco Popular. Ante isto preguntouse onde estaba a CNMV hai tres meses, “cando o banco fixo unha ampliación do seu capital e se colocaron as accións en tramo minorista, cun folleto aprobado pola CNMV que falaba dunha situación do banco que hoxe non é real”.
Por iso considerou que estamos ante un novo caso Bankia “onde a CNMV continúa mirando para os lados. E isto parécenos tremendamente grave”.
Compromiso claro
Diante das explicacións da CIG-Banca respecto da situación que se está a dar coa colocación destes novos produtos, a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, manifestou o “compromiso claro” da formación nacionalista de presentar propostas na cámara para garantir a necesaria protección da clientela da banca fronte aos produtos financeiros que se están vendendo e que, de inmediato, se proceda á transposición da normativa europea, que introduce medidas para que haxa unha regulación máis estrita dos mesmo.
Pontón considerou imprescindíbel evitar que se produza unha nova estafa e que haxa garantías “para que calquera galego ou galega poida ter información e amparo á hora de actuar fronte a banca”.
Nese sentido anunciou que o BNG vai reclamar ademais da transposición das normativas europeas pendentes, “unha regulación máis estrita dos produtos financeiros que se poden vender a minoristas e se antepoñan os intereses dos clientes fronte os intereses da banca”.
Xunto a isto considerou que a Xunta de Galiza debería facer uso das competencias que ten e “buscar ter unha maior capacidade de incidencia fronte a actuación do sector financeiro”. Entre outras sinalou as competencias en materia de consumo “que a Xunta podería exercer informando aos consumidores/as de cales son os riscos reais dos produtos que se están ofrecendo neste momento”. E mesmo que ante un cambio no modelo financeiros que pode desprotexer máis aos consumidores e consumidoras “se crearan oficinas especializadas de atención á clientela da banca tanto para actuar preventivamente como para protexelos no caso de que se produzan abusos”.
Ademais o BNG coincidiu en demandar, coa CIG Banca, presenza da Xunta de Galiza na Comisión Consultiva da CNMV. Unha Comisión na que neste momento teñen presenza tanto o goberno vasco, como o goberno valenciano como o goberno catalán.