CIG-Banca e BNG coinciden na ameaza que supón a OPA do BBVA sobre o Banco Sabadell en Galiza

O BNG presentará unha iniciativa no Congreso alertando das consecuencias que esta operación terá no noso país
Nacional - 16 Mai 2025

A Federación de Banca da CIG mantivo onte, xoves 15 de maio, unha xuntanza co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, para expresar a súa firme oposición á OPA hostil do BBVA sobre o Banco Sabadell e alertar sobre as graves consecuencias laborais e económicas, especialmente en Galiza, onde as dúas entidades empregan a 1.143 persoas e manteñen 182 oficinas. Rego comprometeuse a presentar unha iniciativa no Congreso para abordar o impacto desta operación

Na reunión, participaron Xosé M. Fernández Vázquez, secretario da sección sindical da CIG no BBVA, Miguel Lis Santos, secretario da sección sindical da CIG no Banco Sabadell, e Sefi Romero, secretaria nacional da CIG-Banca.

Os representantes da CIG-Banca trasladaron a Rego a súa oposición á OPA, denunciando que “suporá nova destrución de emprego no sector financeiro”, que xa perdeu miles de postos de traballo por reconversións anteriores. Sefi Romero advertiu que as fusións bancarias “non son fusións, senón demolición das entidades absorbidas”, destruíndo a curto prazo un volume de emprego equivalente ao persoal da entidade absorbida.

Segundo datos do 31 de marzo de 2025, o BBVA conta con 789 empregados/as en Galiza (429 na Coruña, 94 en Lugo, 56 en Ourense, 210 en Pontevedra) e o Banco Sabadell con 373 (185 na Coruña, 41 en Lugo, 31 en Ourense, 116 en Pontevedra), o que pon en risco centos de postos de traballo.

Alertan tamén sobre a lexislación actual, que penaliza saídas brandas, como prexubilacións, polo que a OPA podería derivar en EREs “duros”, afectando ao persoal de 40 a 50 anos con “cargas familiares e difícil recolocación no mercado laboral”. A CIG denuncia que “nin a CNMC nin o Goberno do Estado parecen preocupados” por esta reestruturación, a pesar do seu impacto social e criticou a falta de atención ás consecuencias laborais.

Menos oficinas e maior oligopolio

A OPA ameaza a rede de oficinas, especialmente no rural galego. O BBVA opera 122 oficinas en Galiza (40 na Coruña, 36 en Lugo, 37 en Ourense, 23 en Pontevedra, entre outras), e o Banco Sabadell 60 (21 na Coruña, 22 en Lugo, 21 en Ourense, 6 en Pontevedra), segundo datos de marzo de 2024.

A CIG-Banca expresa, por iso, a preocupación porque “a fusión reduza a rede de oficinas no rural e nos barrios das grandes cidades”, afectando a unha poboación envellecida que depende da atención presencial. En Galiza, onde o sistema financeiro xa está altamente concentrado, a OPA deixaría “unha cota superior ao 90% en 5 entidades”, limitando a diversidade bancaria e o acceso a servizos.

A CIG critica, por iso, que o sector financeiro, estratéxico para a economía, opere como un oligopolio no Estado español. Neste sentido, afirman que “a aprobación da OPA profundaría nesta liña”, beneficiando só aos grandes accionistas, como os fondos estadounidenses BlackRock e Vanguard, que controlan varias entidades e, entre elas, as implicadas nesta operación.

A central sindical cuestiona, de feito, que “a CNMC só pida medidas temporais durante 3 anos” sen analizar como afecta á competencia que “a gran banca española comparta accionistas maioritarios”. Ademais, alerta que a fusión permitiría ao BBVA “desgravar inxustamente impostos sobre futuros beneficios”, nun contexto de incerteza nas relacións UE-EUA.

Política bancaria e demandas da CIG

A CIG denuncia por unha banda, as políticas bancarias obrigando a clientela á contratación de produtos non demandados a que, de feito, “a suba de intereses do BCE non repercutira na clientela”, xa que os bancos incrementaron os intereses dos préstamos pero non a retribución ao aforro.

Pola outra, demanda que, de autorizarse calquera fusión o Goberno habilite “procedementos extraordinarios para facilitar prexubilacións” e evitar despedimentos traumáticos. A este respecto, a CIG-Banca alerta sobre a ameaza para o emprego, 1.143 traballadores/as en Galiza, a rede de oficinas, 182 en total, e o acceso a servizos financeiros. Tamén insta a protexer a rede de oficinas, especialmente en zonas rurais como A Fonsagrada, Ribadeo ou Vimianzo, onde o BBVA e o Sabadell manteñen presenza.

A secretaria nacional da CIG-Banca valora o compromiso de Néstor Rego de presentar unha iniciativa no Congreso para visibilizar o impacto da OPA e esixir responsabilidades. Reclama que “se poña freo a esta operación especulativa” e que se prioricen os intereses da economía galega e dos traballadores e traballadoras fronte aos dos fondos de investimento.