CIG-Banca denuncia os beneficios millonarios da banca mentres o persoal perde poder adquisitivo
A CIG-Banca desenvolveu esta mañá 16 concentracións diante das oficinas de Abanca, Santander, Sabadell e BBVA en demanda de que se negocie un incremento salarial para o persoal, que leva perdido xa un 15% de poder adquisitivo. Unha situación diante da que considera que é necesaria a convocatoria "unitaria" dunha folga sectorial contra as patronais co obxectivo de reclamar a “máis que xusta actualización de salarios”.
Con esta mobilizacións a CIG-Banca daba continuidade ás mobilizacións que iniciou no mes de abril, cando o IPC comezou a incrementarse e logo de que o ano anterior xa rematara no 6,5%, para reclamar ás patronais CECA e AEB a convocatoria da mesa de negociación.
Segundo denuncia a representante da CIG-Banca do sector Financeiro, Rosa Conde, o que fixeron as patronais foi convocar o Observatorio Sectorial, unha mesa a parte da mesa do convenio na que só participan os sindicatos asinantes e na que levan reuníndose desde abril-maio. “Nós o que dicimos é que xa non hai máis que analizar, os feitos está aí, levamos xa acumulado un 15% de perda de salarios, que nun salario medio de 35.000 euros son uns 6.000 euros e se iso se consolida e fas unha proxección a 15 anos pode chegar a unha perda de entre 90.000 e 100.000 euros”.
Unha perda de poder adquisitivo para o persoal que se produce nun escenario no que, ademais, a banca está multiplicando os seus beneficios, que se espera que sigan incrementándose exponencialmente nos anos 2023 e 2024, por mor da suba dos tipos de interese, até un 44%.
Incrementos miserentos nos convenios recén asinados
Entre mentres a patronal o que di é, segundo Conde, que como os convenios están recén asinados, o de CECA en 2020 e o de AEB en 2021, e vencen a finais de 2023 “que iso é o que hai”.
A responsable do sector Financeiro da CIG-Banca denuncia que “somos, de todos os sectores do Estado español, os que menos suba temos recollida en convenio” e responsabiliza a CCOO e UGT da situación, por ter asinado incrementos dun 2% en CECA e do 2,5% en AEB nun período de 5 anos.
Mais o incremento salarial non é a súa única preocupación. Xunto a isto exixen que se actualicen as cantidades que se pagan por quilometraxe, que seguen sendo de 19 céntimos por quilómetro e, sobre todo, que se abandone a política empresarial de desprazar ás traballadoras e traballadores do sector a outras localidades. Isto está provocando, segundo Conde, un incremento maior de gastos do persoal que, “se antes gastaban 200€ ao mes por desprazamentos, agora gastan 400€ coa suba dos prezos dos carburantes, que se suman á perda de poder adquisitivo polo incremento dos prezos”.
Rosa Conde afea ademais á banca presumir de ser “os máis ecoloxistas” e de provocar máis contaminación por pegada de carbono, cando son os que obrigan á xente a moverse. “Se traballaran máis preto das súas casas, tanto a pegada de carbono como consumo de combustible sería menor”.
Por iso a CIG-Banca acusa ao sector de hipocrisía e aos gobernos do Estado e da Xunta por apoialo. “A min non me parece normal que se permita que esteamos nesta situación nun sector que está gañando como nunca, mentres nós estamos nesta situación, paréceme aberrante”.
Convocatoria de folga
Diante desta situación, a CIG-Banca propón a convocatoria dunha folga unitaria, porque o está pedindo o persoal e porque “se realmente queremos conseguir algo xusto, isto pasa necesariamente pola mobilización dos traballadores e tras traballadoras do sector”.
Por iso Rosa Conde puxo ao dispor o sindicato e fixo un chamamento ao resto das organizacións sindicais. Nese sentido explicou que “xa hai organizacións sindicais que se puxeron en contacto con nós para convocar conxuntamente. Iso pon a CCOO e UGT nun brete porque teñen que xustificar non ir a esa convocatoria”.
Ao seu entender CCOO e UGT, que “en lugar de sumar están tirando para atrás”, manteñen esa actitude porque están nas mesas do Observatorio e “agardan a que a patronal lles dea unha esmola”.
Considera que a súa actitude responde a que é ano electoral, con convocatoria de eleccións sindicais nas antigas caixas en novembro e nos bancos en decembro. “Queren saír en plena campaña electoral dicindo que esa esmola conseguiuse grazas á súa xestión. Será unha suba ridícula ou unha cantidade ‘X’ para compensar a suba do IPC, pero non consolidable”.
Fronte a iso, Conde lembra o malestar dos cadros de persoal,” queimado porque non se lles sobe o salario, pero o prezo da cesta da compra increméntaselles como a todo o mundo”. Traballadores e traballadoras que agardan para saír a defender os seus dereitos.