CIG-Banca denuncia o impacto laboral e social da fusión do BBVA co Sabadell e o ERE do Santander
Representantes da CIG-Banca compareceron esta mañá para dar conta da posición da CIG respecto da actual situación do sector financeiro e como van afectar a Galiza tanto o ERE do Santander, como a máis que probable fusión do BBVA co Sabadell. Procesos de concentración que xa están provocando destrución de emprego, redución do número de oficinas -polas duplicidades-, marxinación, sobre todo, do rural e dificultades de acceso ao crédito para as pequenas e medianas empresas.
Diante deste panorama a CIG-Banca anunciou mobilizacións para manifestar o rexeitamento ao ERE do Santander, que se desenvolverán nas oficinas nas que adoita haber máis colas, para poder así explicarlle á clientela as consecuencias que terá para as usuarias e usuarios a reconversión do sector.
As primeiras están previstas para este martes, na Coruña, ás 10:00 horas, diante da oficina do Santander na rúa Fernández Latorre nº 68 e ás 10:45 nesa mesma rúa, pero na oficina ubicada no número 59.
Ao tempo desenvolveranse mobilizacións en Pontevedra, ás 10:00 diante do Banco Santander en Gutiérrez Mellado e ás 10:55 na oficina da Praza da Peregrina.
Peche de oficinas, destrución de emprego
No ano 2017, cando o Banco Santander comprou por 1 euro os Bancos Popular e Pastor, había en Galiza 415 oficinas: 207 do Pastor; 171 do Banco Santander e 37 do Banco Popular. Cos procesos de fusión, en novembro de 2020 só quedaban 234 oficinas: 102 na Coruña; 30 en Lugo; 27 en Ourense e 75 en Pontevedra.
O número de peches previstos en Galiza con este novo ERE sería de 79 oficinas, o 33,76% da rede actual. Peches dos que non se sabe aínda onde se producirán –aínda que polos seus cálculos afectará a unhas 32 oficinas na Coruña; 17 en Lugo; 9 en Ourense e 23 en Pontevedra”.
O Santander aplicou un ERE o ano pasado que finalizou o 31 de marzo deste ano. A esa altura o cadro de persoal da entidade en Galiza era de 1.806 persoas. Con respecto a 2018 isto supuxo unha redución de 304. Desde aquela aínda se reduciu máis o cadro de persoal por medio de despedimentos e prexubilacións, quedando en 1.776 persoas.
A entidade prevé agora 5.090 novas saídas, das que 1.100 serían a través de recolocacións noutras empresas do grupo, flexibilidade interna ou mobilidades xeográficas a 400 quilómetros. A secretaria nacional da CIG-Banca, Sefi Romero, cuestionou o tema das recolocacións porque, segundo explicou “temos detectado, nunha das grandes recolocacións anteriores que deriva o persoal a outra empresa do grupo que despois pecha, como ocorreu no Santander Operacións”.
Impacto social e económico
A secretaria nacional de CIG-Banca advertiu ademais do grande impacto social e económico que terán as fusións e despedimentos do persoal que atendía tradicionalmente nas oficinas. “As entidades marxinan á clientela menos rendible. Hai cada vez máis territorios que quedan á marxe do servizo financeiro. Fórzase á transformación das persoas aforradoras en investidoras pola colocación destes produtos que cada vez son máis complexos e de maior risco e ademais os grandes bancos só serven para dar servizo ás grandes corporacións e empresas, polo que a pequena e mediana empresa queda fóra do interese e do financiamento para poder contribuír ao desenvolvemento do seu negocio e cun maior encarecemento do acceso a ese financiamento”.
Romero alertou do importante impacto que vai ter este novo ERE que se cerne sobre o persoal. “Moitos municipios van quedar sen servizos tan importantes como o financeiro. O Banco escúsase en que hai unha grande dixitalización na clientela, cando sabemos que é unha dixitalización forzada. Ao Banco Santander non lle interesa ter á súa clientela nas oficinas e todo o deriva á banca online”.
Asegura que a entidade aproveitou ademais a pandemia para forzar aínda máis esa dixitalización forzada e alertou da “dependencia que isto vai provocar en moitas persoas que non son capaces de entender como funciona a banca dixital e que terán que recorrer á súa familia ou ben a asociacións de axuda”. Unha dependencia na que inflúe tamén que moita xente non teña non xa os coñecementos necesarios para manexarse online, senón mesmo ordenador, internet ou teléfono móbil.
Por iso concluíu que o obxectivo desta concentración bancaria só é garantir aos grandes investidores de capital nos bancos rendibilidades por enriba do 10% tal e como no seu momento avanzaron Luís de Guindos, do Banco Central Europeo, CECA (patronal das caixas) ou AEB.
O emprego será liña vermella para a CIG na posible fusión BBVA-Sabadell
De igual xeito que no caso do Santander, os representantes das seccións sindicais do BBVA, Xosé Miguel Fernández, e do Sabadell, Andrés Río, advertiron das consecuencias que terá, de efectivizarse, a fusión destas dúas entidades que xa advertiron que “a CIG continuará sendo maioritaria e non aceptaremos nin un só despedimento, sexa directo ou encuberto”.
Os representantes sindicais xa fixeron un estudo das duplicidades de oficinas de ambas as entidades que hai en Galiza. Segundo explicou Río, hai 249 oficinas das cales 87 están duplicadas, un 35%. Se a dinámica é a mesma que no caso doutras fusións “iso vai supor un peche de oficinas en moitos pobos”.
E o peche de oficinas levará consigo destrución de emprego. Do persoal que hai en Galiza, 420 empregadas e empregados estarían nesas oficinas duplicadas, un 32% do total. “Banca Sabadell ten a día de hoxe 440 empregados e empregadas, co cal estarían duplicados por esa posible fusión 420. A conclusión é obvia, sobraría un banco”.
O 50% das oficinas rurais están en Galiza
Pero é que ademais o Sabadell semella estar xa preparándose para esa situación. Segundo denunciou Andrés Río, esta fin de semana pecharon 5 oficinas en pobos onde quedarán sen oficina bancaria ou cunha soa.
Polos datos que teñen, o 50% das oficinas rurais do Sabadell están en Galiza. Por iso Río incide tamén en que “hai moita xente que non está afeita á dixitalización, os medios alternativos, caixeiros e aplicacións” e nas consecuencias que isto terá. E denuncia que “hai unha redución da operativa en caixa que se está desviando a esas aplicacións, a eses caixeiros, e a xente non está preparada. O banco di que é a clientela quen o demanda pero non, estámola botando fóra”.
Canda o peche de oficinas, o Sabadell presentou xa un axuste de cadro de persoal que afecta a 1.800 persoas. “Para nós non é un axuste de cadro de persoal, é un despedimento de 1.800 persoas e a Galiza vaille supor perder o 10% do persoal”.
Río sinala que todo isto estaba xa sobre a mesa de negociación coas organizacións sindicais “a sabendas de que ía haber unha fusión de entidades e omitindo ese dato”. Por iso a semana pasada paralizáronse esas negociacións de axuste ou de despedimento e retomaranse a finais desta semana.
“Este axuste de persoal vai supor para a clientela que, se a día de hoxe hai longas colas para entrar nas entidades bancarias, no futuro haberá máis. Menos oficinas, menos persoal: máis colas e maior carga de traballo para as empregadas e empregados, incertidume na mobilidade xeográfica e maior presión porque a previsión de resultados é a mesma que había antes de comezar a pandemia”.
Defender o emprego aquí
Diante desta situación Xosé Miguel Fernández, da sección sindical do BBVA, denunciou un modelo de concentración bancaria iniciado en 2008 que “non responde ás necesidades nin da sociedade, nin dos sectores produtivos, “Cada vez hai entidades máis grandes, pero de escasa rendibilidade e dependentes de apoio público”.
Rexeitou un modelo no que tanto o BCE como as patronais bancarias din que só buscan “rendibilidades de dúas cifras” pero que é “demoledor para o emprego” e asegurou que “para nós, a opción pasa por defender o emprego aquí. Defenderemos seguir dando servizos presenciais á clientela. Enfronte falarán de duplicidades de oficinas que levarán a peches masivos, pero hai sobrecarga de traballo e fanse horas extra arreo”.
Xunto a isto asegurou que se defenderá tamén o mantemento dos postos de traballo nos pequenos Servizos Centrais que hai na Coruña e o mantemento do modelo descentralizado dos postos de xestión remota.