CIG-Banca denuncia contratacións en Coremain, a través de Faster Empleo ETT con salarios inferiores o SMI
A federación de Banca da CIG de Compostela vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo por infracción das normas laborais contra a Empresa de Traballo Temporal Faster Empleo ETT por contratar en Coremain, a xornada completa, a persoal con nóminas por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional.
Segundo explica Renato Núñez, da CIG-Banca de Compostela “temos coñecemento, ademais, de que existen persoas contratadas por Faster Empleo ETT, cuxas horas extras non constan nas nóminas e aínda máis, as horas extras inclúenselles no salario base, aumentando e reducíndose este en función das horas extra realizadas”.
A isto Núñez engade que as persoas contratadas por esta empresa de traballo temporal “non teñen tampouco rexistro de xornada” e que a única referencia da que dispoñen de control de xornada é o ‘login’ na aplicación informática que utilizan para realizar as súas funcións.
Por iso a CIG-Banca demanda da Inspección de Traballo que inicie unha investigación sobre as infraccións das que hai coñecemento, incoe acta de infracción e sancione á empresa incumpridora, asegurándose de que cumpra coa legalidade vixente e respecte os dereitos das súas traballadoras e traballadores.
A CIG-Banca de Compostela estende a súa denuncia tamén a Coremain e á empresa de traballo temporal Imán Temporing.