CIG-Banca cualifica de "indecente" a proposta da Xunta de subvencionar con diñeiro público caixeiros automáticos
En plena conflitividade laboral motivada polos expedientes de despedimentos colectivos derivados do proceso de reconversión do sector bancario, a Xunta de Galiza presentou un proxecto de orde para subvencionar con diñeiro público caixeiros automáticos e axentes financeiros, incentivando así os peches de oficinas e polo tanto a destrución de emprego.
"Bancos con beneficios multimillonarios despiden miles de traballadoras/es grazas á reforma laboral do Partido Popular e aínda por riba, Feijoó quere pagarlles por facelo", denuncian dende a Federación de Banca da CIG. Non hai que perder de vista que neste momento o sector de banca está en pleno proceso de reestruturación: o BBVA e Caixabank teñen proposto ERE que afectan directamente a 12.100 persoas; o Banco Santander está aplicando un ERE que contempla o despedimento de 3.672 persoas e a subcontratación de 1.100; e os compañeiros e compañeiras dos bancos afectados están en pleno proceso de mobilizacións para defender os postos de traballo.
Esta medida xustificará a transferencia de máis recursos públicos para os bancos responsábeis de deixar sen servizos financeiros á poboación"
Malia este escenario, a Xunta de Galiza ten un proxecto de orde para incentivar o peche de oficinas e os despedimentos, subvencionando os caixeiros automáticos e a contratación de axentes financeiros nos concellos nos que os bancos pecharon as oficinas. Unha proposta indecente que xustificará a transferencia de máis recursos públicos para os bancos responsábeis de deixar sen servizos financeiros á poboación.
"A marxinación financeira é un feito non só no rural, senón cada vez máis, tamén en barrios e zonas periurbáns; sobre todo en función de renda e da rendibilidade coma cliente para o banco, ou agora pola fenda dixital", sinala Rosa Mª Conde, responsábel do sector da Banca da CIG. Fronte a esta situación, engade, "non caben ocorrencias e menos que se incentive o peche de oficinas, a redución dos servizos á cidadanía, a destrución de emprego e seguir transferindo diñeiro público a entidades con beneficios multimillonarios (tanto vía subvencións directas, coma vía cesión de locais públicos)".
Resulta especialmente rexeitábel esta proposta por parte da Xunta de Galiza e, nomeadamente, do Partido Popular, "que son os máximos responsábeis da actual situación do sistema financeiro galego, xa que foron impulsores do proceso de concentración e privatización". A este respecto, a CIG lembra que o goberno galego asistiu totalmente impasíbel á privatización e venda das antigas caixas de aforros, nun proceso no que se regalou unha entidade para beneficio empresarial mentres se socializaban os custes do rescate en forma de débeda pública.
Solicitude de reunión con Facenda
Por todo isto, dende o sector de Banca da CIG esixen a retirada desta orde de axudas da Xunta e advirten que, de non rectificar, promoverán mobilizacións sectoriais. Neste senso, a central sindical apunta que está aberta a un debate público e social sobre como afrontar a marxinación financeira, "pero non a que se subvencione con recursos públicos ás empresas responsábeis dos peches e dos despedimentos".
E con este obxectivo, vén de solicitar reunión co conselleiro de Facenda para transmitir a visión sobre as consecuencias da posta en marcha destas axudas, dada a preocupación pola marxinación financeira que están provocando os peches de oficinas bancarias -aos que a CIG se opón-; as restricións dos horarios de atención nas oficinas -que todo apunta a que foron pactadas entre os bancos vulnerando a lexislación en materia de competencia-; e a marxinación financeira, cada vez maior, dun colectivo de persoas en función da súa renda, sendo o persoal deste sector o máximo coñecedor das necesidades e peticións da clientela, polo trato diario coa mesma.