CIG-Banca: "As entidades financeiras son as maiores defraudadoras á Seguridade Social"
Delegados e delegadas da CIG-Banca mobilizáronse este luns polas rúas da Coruña para denunciar que as entidades financeiras son, nestes momentos, unhas "das maiores defraudadoras á Seguridade Social", pois aínda que persoal do sector é un dos que máis horas extraordinarias realiza, estas nin se cobran nin se cotizan.
A protesta consistiu nunha manifestación que partiu da oficina principal de Abanca na rúa Nova e seguiu polos Cantón até a rúa Juana de Vega. Polo camiño, ao berro de "este banco vaite defraudar", as delegadas e delegados fixeron concentracións de dez minutos diante das oficinas de Abanca, Banco Santander, Sabadell, Banco Popular, Banco Pastor, BBVA, Caixabank e Bankia.
"Nun momento no que se pon en cuestión a viabilidade do sistema público de pensións e no que de seguido se fala de recortes, curiosamente, o sector que máis se beneficiaría da privatización do sistema público de pensións é o mesmo que comete a maior fraude", afirmaba o Secretario Nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, ao inicio da protesta.
Montero subliñou que, segundo evidencian os datos da EPA, as horas extraordinarias non pagadas xa superan as pagadas no conxunto dos sectores, pero é no da banca onde maior fraude se rexistra. Até tal punto, engadiu, que incluso a Dirección Xeral da Inspección de Traballo ten en marcha unha campaña de control centrada nas entidades financeiras.
Lembrou que a Audiencia Nacional emitira sentenza obrigando a implantar o rexistro da xornada, "pero para poder continuar coa fraude", Abanca e Bankia (entidades rescatadas con máis de 21.000 millóns de euros públicos), litigaron e conseguiron que a Sala do Social do Supremo ditase sentenza eliminando a obriga de rexistrar a xornada efectiva e dificultando, até facer case imposíbel, o control das horas extraordinarias.
"Dende a CIG demandamos que no sector da banca, con beneficios multimillonarios, se implanten rexistros de xornadas e se coticen as horas extras. Non é de recibo que se continúe destruíndo emprego na banca mentres que o persoal ten que estender de xeito habitual a súa xornada laboral", aseverou Montero.
Neste senso, salientou que, segundo os cálculos da central sindical, de media, as traballadoras e traballadores exceden até un 20% a súa xornada laboral. O que traducido en emprego supón, só en Galiza, a destrución de máis de 1.000 postos de traballo.
Clodomiro Montero puxo en releve que, dentro do proceso de reestruturación e concentración, o sector bancario sufriu unha transformación na súa propia xénese. "O persoal das entidades xa non está para atender a clientela e ofrecer un servizo, senón que estamos para colocar produtos. Hai un sistema de traballo por obxectivos e as entidades desenténdense do tempo que precisen os/as empregados/as para acadar esas vendas", subliñou.
Ás entidades sáelles máis barato defraudar e pagar a multa que abonar as horas extra"
A este respecto, considerou que controlar as horas extraordinarias podería axudar tamén a pór freo "ás políticas comerciais descarnadas" que teñen as empresas financeiras.
Sobre a actuación da autoridade laboral, o Secretario Nacional da CIG-Banca informou que, até a sentenza do Supremo, a Inspección viña sacando resolucións que obrigaban as empresas ao rexistro horario, pero agora vai ser máis difícil facer este control. "A Inspección sanciona, pero ás empresas sáelles máis barato defraudar e pagar a multa que abonar as horas extras", censurou.