CIG-Autonómica reúnese coas forzas que concorren ás eleccións en demanda da recuperación de dereitos do persoal público
Coa responsabilidade de ser a primeira forza sindical na administración xeral da Xunta de Galiza, a CIG-Administración Autonómica reuniuse nos últimos días coas formacións políticas que concorren ás vindeiras eleccións galegas. BNG e Galiza en Común coincidiron en que a política neoliberal imposta nesta década co obxectivo de reducir o déficit público e a administración pública á súa mínima expresión é a causa primeira de todos os problemas aos que agora se enfronta a administración pública galega.
Así o explicou a responsable nacional, Zeltia Burgos, para quen a escusa da crise económica serviu para entregar os servizos públicos a empresas privadas. “Autoimpuxéronse normas e taxas de reposición que fixeron imposible contratar persoal e facer procesos selectivos, tanto para o recrutamento interno como externo”.
Neste sentido, Burgos lembra que o capítulo de persoal é aínda hoxe a fonte de onde aforrar, “recortando retribucións ou conxelando dereitos de promoción que poderían dar melloras retributivas”. O mesmo sucede coa renuncia a substituír e cubrir ao persoal, ou dar os axeitados descansos ao persoal traballador por falta de contratación.
“De aí que o primeiro para o BNG tamén pase por recuperar o emprego público aos niveis da década pasada e reforzar os servizos públicos de atención aos cidadáns”. Xunto a isto sinalou que “para CIG é clave un plan de mellora que axeite os dereitos dos empregados públicos ao modelo europeo”.
Derrogación da Lei de Medidas de 2012
Entre outras, e para comezar, coincidiron na necesidade de derrogar urxentemente a lei de medidas de 2012, “a lei dos recortes que segue vixente aínda que os datos económicos hai meses que se anuncian positivos” e na necesidade da recuperación do poder adquisitivo do persoal empregado público e de liñas de axuda como o Fondo de Acción Social.
Sobre estas cuestións explicou que “En Galiza en Común mostráronse abertos a introducir as propostas da CIG no programa e salientaron tamén a falla de servizos que desenvolvan políticas activas no rural e no monte galego”.
Neste sentido sinalou que na xuntanza co Partido Popular, aínda que non se comprometeron a incluílas directamente si dixeron estudar as propostas. “Falámoslles da necesidade dun cambio de rumbo nas políticas públicas que afectan aos empregados públicos, que tras unha década de recortes supoñen perda de dereitos, perdas retributivas e perda de emprego. Destacamos a falla de implantación real das medidas de conciliación ou a ausencia sequera do I Plan de Igualdade para o persoal da Xunta de Galiza, ou a necesidade da diminución da xornada ás 32 horas”.
Respecto do PSOE sinalou que recalcaron a necesidade de implementar máis teletraballo na Xunta e indicaron como prioritaria unha Lei de Emprego Publico para Galiza que non requira parcheos constantes e sexa produto da negociacion colectiva.
A este respecto explicou que “desde a CIG reiteramos a todos os partidos a necesidade dunha carreira profesional con carácter universal que non exclúa a ninguén cunha mellora das contías e redución dos tramos. A cobertura urxente de baixas e vacantes e procesos selectivos coa totalidade das prazas, concursos de traslados permanentes e garantías laborais previas aos procesos de funcionarización cun Acordo de condicións de traballo”.
Ademais disto insistiron na necesidade da derrogación urxente da reforma das pensións e a xubilación parcial anticipada para persoal laboral e funcionario e en que “non se pode aguantar mais cunha administración tan lenta e obsoleta na relación co seu persoal e pulamos por servizos públicos áxiles e eficaces que teñan ao seu persoal como o maior valor”.
Os comités de Política Social demandan a recuperación de dereitos
O pasado día 3 de marzo taméns e reuniu o Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galiza cos catro comités provinciais da consellaría de Política Social cun punto único na orde do día referido ao “posicionamento dos grupos parlamentarios de Galiza con respecto á recuperación dos dereitos perdidos durante os últimos anos”.
Nesa mesma xornada estaba xa programada unha xuntanza co BNG, que se comprometeu a facer efectiva esa devolución de dereitos. Celebráronse tamén xuntanzas co PP, que pediu que se lles trasladaran por escrito as demandas e comunicou a súa intención de compensar o traballo en festivos e co Grupo Común de Esquerda, manifestou a súa disposición a traballar pola recuperación deses dereitos.
Entre outras demandas, os comités demanda, ademais da derrogación da Lei 1/2012, a reposición do artigo 19 e o redimensionamento dos cadros de persoal da consellaría de Política Social.
De non atender as súas demandas anuncian desde carteis denunciando a falta de compromiso, concentracións nos centros de traballo e mesmo unha manifestación en Compostela cun percorrdio que iría desde o edificio da Xunta e o Parlamento galego.