CIG-Autonómica denuncia que un dos avións contraincendios de Doade estivo inoperativo durante dúas semanas
A CIG-Autonómica solicitoulle á Consellería de Facenda e á Consellaría de Medio Rural que adopte medidas sancionadoras contra a empresa PLYSA por incumprimento do prego de condicións da contrata, xa que tivo inoperativo durante dúas semanas un dos dous avións contraincendios destinados na base de Doade (Sober). Así mesmo, o sector da CIG-Administración pide que se tomen as preventivas que correspondan "de xeito que evitemos danos as persoas que traballan na extinción".
Esta avaría que, indican, supuxo a paralización do servizo desta aeronave, "constitúe un risco para o persoal que traballa na base. É fundamental un bo estado dos dispositivos para evitar accidentes e danos as persoas operan no servizo contra incendios forestais da Galiza".
CIG-Autonómica explica que PLYSA é a concesionaria do servizo de 2 avións de carga en terra con destino á defensa contra incendios forestais durante os anos 2020, 2021 e 2022 destinados na base de Doade. Unha destas aeronaves accidentouse (se causar danos persoais) o pasado 29 de xuño e dende esa data até o 12 de xullo permaneceu inoperativo e a base sen avión de substitución, quedando só un aparato dispoñíbel. Finalmente, o avión foi substituído por outra aeronave.
Incumprimento dos pregos
A CIG-Autonómica denuncia que houbo un evidente incumprimento por parte da empresa do prego de prescricións técnicas que recolle no artigo 5 que no caso de avaría grave se procederá a substitución inmediata do aparato, de xeito que o servizo non se resinta.
Ante este incumprimento, a central dirixiuse ás dúas consellaría para evitar que se repitan estes feitos e para solicitar tamén que se remita a información da correspondente inspección de servizos que xerou a nova aeronave, "como é obriga legal".
Xunta a isto, piden que se traslade a certificación da documentación acreditativa dos medios materiais e persoal necesarios para a execución do servizo e a investigación do incidente por parte dos Servizos de Prevención de Riscos Laborais, "informando do seu resultado á representación do persoal da Xunta de Galiza por estar nunha instalación da administración autonómica e para evitar o dano que podería ocasionar ao persoal".