A CIG-Autonómica denuncia o pacto consentido das escolas infantís privadas financiadas pola Xunta para adiantar mes e medio a matrícula
A CIG Autonómica denuncia o pacto entre as garderías e escolas infantís 0-3 privadas para anticiparse a pública e abrir a matrícula o vindeiro 2 de febreiro. Isto é posíbel, explican, porque a Xunta de Galiza non lle esixe no concerto a coordinación de datas coa escola infantil pública, que adoita comezar o prazo de reserva de prazas arredor do 15 de marzo, mentres que as privadas fano até mes e medio antes. Esta diferenza, critican, “non é casual nin técnica: é unha decisión política da Xunta de Galiza para favorecer a privada fronte a opción propia”.
O sector de Autonómica da CIG-Administración lembra que a Xunta financia ao 100% as prazas de 0 a 3 anos nas escolas privadas, sen ter na práctica en conta o nivel de renda das familias. Porén, nas escolas públicas hai que agardar á publicación oficial do prazo no DOG, xerando unha incerteza que empurra as familias a reservar primeiro na privada por medo a quedar sen praza.
“Esta falta de regulación é intencionada. Serve para favorecer a matrícula nas escolas privadas e para presentar como ‘elección libre’ o que en realidade é unha elección condicionada. Non se trata dun erro nin dun baleiro normativo: a Xunta decide non regular porque lle interesa non facelo”, denuncian.
A mesma ausencia de control repítese noutros aspectos fundamentais como que non se garante o uso da lingua galega nas escolas privadas financiadas con cartos públicos; non se esixen as mesmas condicións laborais nin a mesma cualificación do persoal; e non se supervisan coa mesma esixencia as ratios nin os proxectos educativos. “É dicir, págase co público un servizo privado sen esixir as garantías propias da rede pública”.
A CIG-Autonómica apunta que este modelo responde a unha estratexia clara de privatización progresiva da educación infantil: “primeiro péchanse escolas públicas temporalmente ou redúcense horarios; despois facilítase que as privadas funcionen a tempo completo; agora manipúlanse os prazos de admisión. Paso a paso, vaise debilitando a rede pública mentres se fortalecen empresas privadas que fan negocio cos servizos sociais e educativos”.
O resultado é un sistema cada vez máis desigual no que a rede pública queda relegada, especialmente nas zonas con maior demanda, mentres se mantén só no rural con pouca poboación, onde non resulta rendíbel para as grandes empresas. Por iso, conclúen, “non estamos ante unha liberdade de elección, senón ante unha privatización planificada con cartos de todas e todos”.