CIG-Autonómica advirte que a futura lei de incendios afonda na división do servizo e nunha maior precarización
O sector de Autonómica da CIG-Administración alerta que a futura lei de incendios, segundo o avanzado pola Consellaría do Medio Rural, en lugar de profesionalizar as brigadas, afondará na división do servizo e suporá unha maior precarización do traballo, "abocando o persoal a vivir por debaixo do límite da pobreza".
Critican que, malia que afectar ás condicións do persoal, a Xunta esquivou a negociación nos órganos legais de representación. De feito, explica a CIG-Autonómica, para a realización da proposta de lei de incendios, a administración contratou á Universidade de Vigo, que elaborou unha sondaxe con grupos de traballo nos que as organizacións sindicais tiñan o mesmo peso que unha asociación ou colexio profesional, asociacións da industria ou empresariais.
Neste contexto, a CIG rexeitou participar dunha estratexia "que anulaba a obriga legal da negociación colectiva a través das mesas de negociación da administración pública e incluso deixaba ao marxe as organizacións 'non amigas', e que ten como fin avalar tecnicamente as políticas da Xunta de Galiza na prevención e extinción dos incendios forestais".
En definitiva, con este procedemento opaco disfrazado de “profesionalidade”, Medio Rural saltou a negociación coas organizacións sindicais como lexítimas representantes dos traballadores e traballadoras. "Para chegar ao extremo, e así avalar o seu novo Plan de Dotación de Medios, di que realizou unha enquisa a 2.500 persoas das que descoñecemos cales foron as cuestións enquisadas e a que persoal se repartiu. Na CIG opoñémonos a unha modificación non negociada dos medios e condicións do servizo", advirte Aser Lidia, delegada da CIG no servizo de incendios.
Profesionalizar o servizo
A CIG sempre defendeu que a mellora do servizo e o avance para a profesionalización non depende dunha nova lei. "A Xunta tiña o mandato parlamentario de seguir as directrices emitidas logo da vaga que arrasou Galiza en 2017. Porén derivou habilmente a atención para non cumprir ou atrasar as accións de reforzo do servizo e a súa profesionalización. Agora vese claramente que coa lei o que pretenden é arrasar co servizo de incendios forestais da Xunta derivándoo cara aos concellos e creando un chiringuito de coordinación", alerta.
Deste xeito, en vez de completar a profesionalización do servizo, pasando o contrato do persoal de 6 meses a todo o ano, "o que fai a Xunta é contratar cos concellos". Segundo o adiantado, estase propondo dividir o servizo de incendios reforzando e recuperando o modelo de brigadas municipais creado nos 90, pero con seis meses de traballo.
Esta proposta, subliña a CIG-Autonómica, choca frontalmente coa profesionalización, cun servizo publico único no que o seu persoal traballe todo o ano facendo prevención e labores de extinción, ben formado e equipado. "É radicalmente imposible a profesionalización cun traballo de seis meses que deixa o persoal tan precarizado que os obriga a vivir por debaixo do límite da pobreza xa que nin se achegarían ao salario mínimo en cómputo anual. Esta xa é hoxe a nosa loita, que o persoal do servizo de incendios de seis meses pase a traballar todo o ano pero cal é a 'solución' que agora propón a Xunta facelo dende os concellos?", inquiren.
Un novo chiringuito para vixiar e coordinar as administracións
Para o sector de Autonómica da CIG a creación dun “ente instrumental específico” para coordinar ás administracións públicas afectadas constitúe un insulto, xa que esa é a función da Consellería do Medio Rural. "Unha vergoña inédita para derivar recursos e responsabilizar os concellos da extinción".