A CIG-Área Pública protestará diante do Parlamento este luns contra os orzamentos da Xunta
A Área Pública da CIG (CIG-Saúde, CIG-Administración e CIG-Ensino) concentrarase novamente, o vindeiro luns día 6 de febreiro, ás 11:00 horas, diante do Parlamento de Galiza, coincidindo co pleno, para manifestar a súa oposición a uns orzamentos que entende que, nin permiten garantir uns servizos públicos de calidade, nin recuperar os dereitos e salarios roubados ao seu persoal”.
A CIG-Área Pública asegura que no proxecto de orzamentos presentado no Parlamento -que non foi entregado ás centrais sindicais na mesa de negociación- non se contempla nin a reposición de servizos públicos, nin medidas para atallar a precariedade laboral instalada nestes momentos nas distintas administracións.
De feito afirma que a taxa de temporalidade xa acada nalgúns servizos o 20%, co agravante de que entre os anos 2010 e 2016, en Galiza, perdeuse máis dun 6% de emprego público.
Parte da causa desta temporalidade e da precariedade é debida á taxa de reposición de efectivos, que se ben é unha competencia da administración do Estado non se está demandando desde o goberno Feijoo a súa eliminación nin mesmo a posibilidade de recuperar servizos públicos.
Precarización e perda de emprego
A este respecto, lembra que no período 2010-2015 a porcentaxe de reposición foi do 0%, agás para os servizos esenciais nos que, entre 2011 e 2014, estivo fixada nun exiguo 10%. Isto significou a perda de máis de 4.000 empregos públicos e un incremento da temporalidade: neste intre contabilízanse nos distintos servizos das administracións máis de 5.000 traballadores e traballadoras con contratos temporais, de relevo, por días, horas, etc.
En contraste con estas cifras, o Conselleiro de Facenda anunciou como unha das medidas estrela dos orzamentos a creación de 3.000 postos de traballo. Porén, tendo en conta os datos anteriores, para a Área Pública da CIG “esa oferta de emprego que anuncian a bombo e prato non é máis que un apósito cativo para a sangría que está sufrindo a administración".
Fronte estas medidas continuístas, a CIG-Área Pública esixe rematar coa taxa de reposición e coa temporalidade, que por parte da administración se fagan plans de consolidación de emprego, e que se elabore unha OPE con todas as vacantes, incluídas todas aquelas necesarias para repoñer os servizos públicos, cando menos ao nivel que tiñan no ano 2010.
Recuperar os dereitos laborais, económicos e sociais
Do mesmo xeito, continúase a demandar a reposición de todos os dereitos laborais, económicos e sociais "que durante estes anos foron roubados aos traballadores e traballadoras das administracións en Galiza".
Neste sentido, a Área Pública aclara que coa recuperación das dúas pagas extraordinarias neste ano 2017 "non queda saldada a débeda que a Xunta do PP ten cos seus empregados e empregadas polo roubo do 40% da paga extra dende o ano 2012 ao 2016; e que supón un 4% do salario de cada un dos seus traballadores e traballadoras".